As actividades do Premio Luís Ksado comezarán en outubro e inclúen obradoiros con Chema Madoz e Sandra Balsells

Imaxes de 'Alén', a serie gañadora do premio.

Haberá unha exposición das fotografías gañadoras e finalistas no Museo do Pobo Galego, e tamén unha homenaxe ao fotógrafo histórico Luís Zamora.

En outubro comezarán as actividades paralelas do Premio Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación, "todo un festival de fotografía que traerá á Coruña fotógrafos de primeiro nivel e que reunirá a verdadeiros referentes" afirma a deputada de cultura, Natividade González. Este "festival" inclúe a exposición das fotografías gañadoras e finalistas desta edición; a homenaxe ao fotógrafo histórico Luis Zamora, e os obradoiros impartidos por Chema Madoz e Sandra Balsells.

O centro Ágora da Coruña acollerá os obradoiros/masterclass de fotografía, de 16:30 a 20 horas: o día 8 de outubro, con Chema Madoz, Premio Nacional de Fotografía e, o día 9, con Sandra Balsells, Premio Ortega y Gasset El País.

Outra das actividades é a exposición das fotografías gañadoras e finalistas da última edición, do 2024, do premio Luís Ksado de Creación Fotográfica da Deputación. Esta exposición inaugurarase o día 2 de outubro ás 19 horas, cunha presentación previa, ás 18 horas, que inclúe unha conferencia e proxección de Alén, colección gañadora de Vicente Fraga no auditorio do Museo do Pobo Galego.

Ademais, este ciclo inclúe unha homenaxe ao fotógrafo histórico Luís Zamora, "un fotógrafo cunha mirada auténtica que segue a iluminar cada imaxe que capturou", sinala González. "O seu legado merece ser celebrado e por iso o recoñecemos como Fotógrafo histórico do 18º Premio Luís Ksado". Así, o día 3 de outubro, ás 12 horas, no salón de plenos da Deputación celebrarse un acto institucional e, ás 19 horas, na Real Academia de Belas Artes, unha mesa redonda na que participarán a deputada de cultura, Natividade González; o comisario do premio Ksado, Xurxo Lobato; o fillo de Luís Zamora, José Luís Zamora, e o historiador da fotografía galega Manuel Sendón.

"O premio Luís Ksado é xa unha institución no mundo da artes visuais, é moito máis que un certame de fotografía xa que conta cunha programación específica que lle da continuidade no tempo pero tamén en calidade", engadiu a deputada, "e as actividades que levaremos a cabo este ano son boa mostra diso, e tamén do compromiso da área de cultura da Deputación coa posta en valor do noso talento, cultura e patrimonio"