MÁIS

De carballos e festa

A Festa da Carballeira caracterízase pola participación activa das persoas que a visitan. (Foto: Turismo da Galiza)
Volve o folk a Zas pola 39º festa da Carballeira

Como sinala a Asociación Cultural Castro-Meda, organizadora da festa de Zas (Terra de Soneira), "o da Galiza sempre foi un pobo de festexos cheos de relixiosidade"; porén, os tempos cambian e toca adaptarse ou morrer. Isto é o que aconteceu coa festa da Carballeira de Zas, que tomou o costume de reunirse á sombra das carballeiras polo Santísimo Sacramento para reavivar o espírito da veciñanza. Desta forma e convertido en festival cun prezo de 15 euros o abono dobre, na Carballeira de Velar daranse cita nos días 9 e 10 de agosto milleiros de persoas para gozar de grupos tradicionais e emerxentes que comezarán a tocar a partir das 21 horas. 

Neste sentido, en Zas actuarán artistas do talle de Martirio, Amparanoia e Rebeliom do Inframundo no primeiro día e que serán o punto de partida da troula que continuará o sábado desde o mediodía. Nesa segunda xornada haberá propostas para todas as idades e gustos, desde a Gramola Gominola até Guadi Galego ou Fanfarria Taquikardia, malia que o peso da festa virá da man do folk da tarde. Haberá propostas tradicionais como os grupos de pandeireteiras O Fiadeiro e Xacarandaina e mais outras propostas máis disruptivas como o grupo De Ninghures e o artista teense Mondra.

Ademais, este ano renova pregón o actor e humorista de Zas Roi da Costa, que vén de participar en series como O Caso Asunta ou Animal Salvaxe. Se ben esta non é a primeira vez que abre a festa -xa o fixo en dúas ocasións- este ano será para el incluso "máis especial" xa que poderá dalo en presenza do seu fillo. Isto último exemplifica a identidade da festa, que foi creada para desfrutar en compañía do mellor do son galego de antes e de agora.