Charo Lopes, Feyrouz Serhal e o estudio Gramática Arquitectónica protagonizan un novo 'Sermos Galiza'

Detalles do 'Sermos Galiza' que se publicará este sábado, 31 de agosto.

Como é habitual, este sábado, 31 de agostoNós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana.

‘Feyrouz Serhal. A poesía está por todas partes’. Martin Pawley achéganos á longametraxe documental Maroun regresa a Beirut, da directora libanesa Feyrouz Serhal, moi ligada á Galiza. O filme, que forma parte da sección competitiva Venice Classics do festival de cinema de Venecia que decorre desde o 28 de agosto até o vindeiro sete de 7 setembro, revisa a traxectoria vital, política e artística de Maroun Badadi, na súa altura o cineasta máis importante do Líbano, que faleceu en 1993 aos 43 anos por mor dun fatal accidente.

“A directora libanesa traballa habitualmente con Zeitun Films, compañía da que é máximo responsábel Felipe Lage, que coproduciu a súa curta Tshweesh, estreada no Festival de Locarno en 2017, e ten agora en desenvolvemento a súa primeira longa de ficción, I Am Here But You Can’t See Me. Tamén coa Zeitun realizou xa unha curta de produción 100% galega, Sen Ti, que tivo a súa estrea internacional en festivais en Marrocos e no Líbano. A protagonista é Rosalía de Castro, a escritora e a estrela, que descende unha noite do firmamento até a terra para reunirse co seu amado”, escribe Pawley.

‘Charo Lopes. Pór a muller no foco’. Montse Fajardo entrevista Lopes, que esta fin de semana participa nos recitais poéticos artellados arredor do Festival da Poesía do Condado, que este ano pon o foco no xenocidio que está a padecer o pobo palestino. Lopes é a muller detrás da cámara e da edición de moitos dos libros de Através, mais nin se agocha nin se pon de perfil á hora de analizar a cultura do país con perspectiva crítica. Moito menos á hora de vindicar o papel das mulleres na creación. Sen complexos. De feito, aproveita a súa maña coa fotografía para pór baixo o foco a beleza doutras compañeiras, convencida de que visibilizar a rede multiplica os esforzos e tece a posibilidade dunha sociedade distinta á liderada polo patriarcado e o capitalismo.

"Esta edición co asunto de Palestina é especialmente conmovedora, e tamén desafiante porque escribir un poema co que está pasando case dá reparo moral. Preparei un traballo específico pero calquera cousa pode parecer frívola, pode parecer pouco tendo en conta a dimensión do xenocidio, que supera o limiar do espanto", confesa durante a conversa coa xornalista.

‘Gramática Arquitectónica. Narrativas’. Iago Valverde achéganos ao traballo do estudio de arquitectura Gramática Arquitectónica, fundado pola pontevedresa Teresa Sánchez Táboas. Desde a arquitectura pódense contar historias. Os espazos ou as cidades responden a unha ideoloxía, e do mesmo xeito, constrúen un relato. As arquitectas e os arquitectos transmiten unha idea ou intencionalidade co que fan. O estudio Gramática Arquitectónica deixa unha mensaxe subliminal nos seus proxectos, animando a ir cara a unha dirección.

“Penso que a arquitectura ten a súa propia gramática. As arquitectas manexamos diferentes conceptos, e segundo como os unes e fas conexión entre eles, contas un relato ou outro. Isto paréceme bonito. Intento deixar algún tipo de mensaxe cos proxectos, mesmo que sexan subliminais. Trato de deixar mensaxes á xente, aínda que sexan pequeniñas”, explica Táboas en conversa con Valverde.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos GalizaTensi Xesteira e Inma Otero achégannos as novidades no sector literario, a comezar por O legado da nena do sal, de Elena Gallego Abad; e Utensilios de cocina e algún xantares caleidoscópicos, de Carlos Carracedo Porto.

No apartado musical, Fernando Montenegro fálanos de Música imaginaria, de Baldo Martínez (Karonte, 2024). David Regueira, pola súa parte, fálanos do Festival Django Reinhardt, un evento anual de jazz manouche que decorre en Samois-sur-Seine, unha pequena localidade situada ao nordés de Francia.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Alien: Romulus (Dirección: Fede Álvarez / EUA / 119 min.), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. Ademais, Branca Novoneyra achégase a Luís Pimentel.

Anxo Fole tráenos neste número de Sermos Galiza un menú fresco para ir rematando o verán, que poderemos acompañar coas recomendación vinícolas do espazo enocultural Vide, vide!. E, por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 31 de agosto, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!