MÁIS

Coñecer a fondo o corazón do Barbanza

A praia de Coroso é un dos atractivos da vila de Ribeira. (Foto: Turismo de Ribeira)

Lugares e paisaxes inesquecíbeis en Ribeira e nos seus arredores

Nove parroquias e vinte e cinco quilómetros de costa bañados polo Atlántico conforman o concello de Ribeira (O Barbanza). Praias, petróglifos, faros e impresionantes dunas comparten espazo cunha veciñanza chea de vitalidade e que leva por bandeira ser de Ribeira. 

Dominando a punta da península do Barbanza, en perfecta simbiose co océano e poboada de xigantescas praias, vigorosas dunas e cunha riqueza patrimonial e cultural impresionante, atópase Ribeira (O Barbanza). É un dos concellos preferidos da Galiza no que pasar as longas tempadas de verán, xa que posúe unha zona natural de alto valor ecolóxico e con todas as figuras de protección dentro dos seus marcos. 

A súa oferta natural, histórica e, inclusive, gastronómica, é extraordinaria. Para descubrir Ribeira e seus arredores da mellor forma e sen esquecer ningún imprescindíbel, Nós Diario achega as recomendacións dun dos seus ribeirenses ilustres, Luís Pérez, alcalde da vila. 

A Ribeira marítima

Como primeiro consello, o rexedor anímanos a visitar a illa de Sálvora. Forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e desenvolve o labor de protexer a entrada norte da ría de Arousa co seu perímetro rochoso, sobre todo nos illotes que a acompañan. Pola contra, a illa principal é relativamente chá, poboada de dunas e praias. Sálvora só posúe dous quilómetros cadrados e, ao contrario dos outros arquipélagos que conforman o Parque Natural, non ten unha liña regular de barcos e a visita está limitada a 125 persoas diarias.

En tempos, Sálvora estivo habitada. A súa aldea é a proba deste feito. Tamén contaba co seu propio faro, en punta Besugueiros e até non hai moito aínda estaba gardado por fareiros, para alertar as embarcacións deste perigoso anaco de terra que tantos naufraxios provocou, como o do vapor Santa Isabel hai máis de 100 anos. Na actualidade, esta edificación está en fase de remodelación para dar acollida ás persoas visitantes da illa. 

Con todo, se falamos de faros, hai que nomear o de Corrubedo. Data de 1853 e posúe unha posición privilexiada na punta do cabo e con vistas presidenciais ao Parque Natural Dunas de Corrubedo. O faro recibe desde o seu enclave as luces dos seus compañeiros de Fisterra e tamén das illas Cíes. O faro salvará miles de vidas, mais a fama de chamarse "Corrubedo" téñena as dunas. Máis de un quilómetro de longo, 250 metros ao ancho e 20 de alto conforman esta incríbel masa móbil de area branca.

O Parque Natural das Dunas de Corrubedo é o máis visitado da Galiza, acollendo case 300.000 visitantes cada tempada estival. Está constituído oficialmente polas propias dunas, a praia de Corrubedo e as lagoas de Vixán e Carregal, de auga doce e salgada respectivamente. Estas masas acuáticas son fogar dunha impresionante flora e fauna, esta última con arredor de 3.000 exemplares de aves acuáticas. 

Un dos maiores atractivos turísticos de Ribeira son as súas praias adaptadas a todo tipo de preferencias. Quizais a do Vilar é unha das máis coñecidas. Con area branca e fina, illada do ruído, é o lugar axeitado para escapar. É o contrario de Coroso, praia urbana e fronte ao peirao de Ribeira. A súa proximidade coa vila dálle unha fama e afluencia inigualábel tempada tras tempada.
Ribeira tamén conta con elementos coa clasificación de Ben de Interese Cultural, como o peirao de Palmeira. É un dos moles históricos da Galiza e foi o primeiro do Barbanza en ter un atraque artificial. É nesta zona onde se atopa a estatua ao emigrante, na honra das miles de persoas que buscaron o sustento da súa familia na outra beira do Atlántico. Representa unha familia que sinala o horizonte en dirección ás Américas. 

Turismo cos pés secos

Ribeira non é só litoral. O concello conta con diferentes restos arqueolóxicos e elementos patrimoniais de grande importancia. Un dos puntos máis espectaculares para observar a ría e as dunas é o Miradoiro da Pedra da Ra, que recibe este nome pola curiosa forma da rocha, recordando este anfibio coa boca aberta. Tamén ofrece unha ollada privilexiada da costa de Arousa e O Salnés, ademais de illas como Sálvora, Ons, Os Fornos ou Cíes. 

Un pouco máis arriba do miradoiro está o Castro da Cidá. O resto arqueolóxico aínda está pendente de escavación total para traer á superficie a súa muralla exterior. Data da Idade de Ferro, época na que os castrexos escolleron este espazo pola súa calidade estratéxica. O Dolmen de Axeitos é outro dos destacábeis para o alcalde. É un dos mellor conservados da Península Ibérica e atópase desde hai máis de 6.000 anos na parroquia de Oleiros (O Barbanza). Fórmano na actualidade oito pedras verticais que sosteñen unha gran laxe de dous metros.

O concello conta con dous grandes museos na parroquia de Artes. Por unha parte está o Museo Etnográfico, con máis de 14.000 obxectos que permiten lembrar como era a vida nesta comarca rural e mariñeira a principios do século XX. Por outra parte, o Museo de Artes do Gravado ten como obxectivo a colección, catalogación, estudo e difusión da arte gráfica, contando con obras de Rubens, Dalí ou Picasso nas súas paredes. 

Algo sempre se comeu

Se Ribeira fose un alimento sen dúbida sería un saído do mar. As súas diferentes feiras de produtos alimenticios son a proba disto. A tempada gastronómica do verán ribeirán comezou coa Festa do Percebe de Aguiño, o último domingo de xullo. Un produto único, de calidade e selo de identidade de Ribeira. Esta Festa de Interese Turístico leva máis de 25 anos enchendo os bandullos das persoas asistentes, combinando a comida con obradoiros infantís, sesións de showcooking e actuacións musicais de todo tipo.

A pasada fin de semana celebrouse a Festa da Navalla, tamén en Aguiño. É aínda a súa oitava edición, mais este produto saboroso non faltou na cita, que está xa competindo en popularidade coa do percebe. Con todo, aínda queda verán e citas gastronómicas en Ribeira. Do 23 ao 25 de agosto terá lugar a III edición da Feira Gastronómica "Gastromar", que organiza todos os anos a Asociación de Empresarios de Ribeira. Produtos do mar, food trucks, obradoiros e música da terra encherán a vila. Durante a última fin de semana do mes tamén se celebrará a Festa do Polbo de Palmeira na explanada ao carón do peirao da vila. Mais non todo será polbo. Navallas, ameixa e churrasco tamén se suman a esta derradeira cita gastronómica do verán na vila de Ribeira.