O Museo do Gravado de Artes de Ribeira (O Barbanza) acolleu esta sexta feira a inauguración da mostra ‘Os monos de Laxeiro, obra humorística na prensa’ elaborada pola Fundación Laxeiro. No acto participaron, entre outros, o alcalde da localidade, Luís Pérez, o director do Museo, Xoán Pastor Rodríguez, e o director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján.
A mostra presenta, por primeira vez, todas as viñetas humorísticas que Laxeiro publicou na prensa nos xornais El Pueblo Gallego e Faro de Vigo durante os anos 1928, 1929 e 1930. A exposición, comisariada polo profesor Manuel Igrexas, responde á necesidade de ter catalogado e mostrar ao público o traballo completo do artista lalinense como humorista gráfico na prensa galega.
A exposición
A recen inaugurada mostra componse de corenta e nove reproducións fotográficas, realizadas case ao tamaño orixinal, das viñetas e respectando a cor de fondo tan recoñecíbel do papel de xornal.
Cada viñeta desta exposición vai enmarcada de forma individual e, tanto os textos dos diálogos , como a referencia do medio e día de publicación, van impresas, dentro de cada cadro, respectando as formas idiomáticas do orixinal e sen adaptar ao galego normativo de hoxe. Ademais, debido a que os debuxos orixinais están perdidos, optouse por reproducións fotográficas.
Segundo Manuel Igrexas, nestas viñetas pódense distinguir tres estilos ben definidos: un primeiro moi sintético e sen fondos nin sombreados; un segundo grupo, o máis numeroso da súa produción, nos que engade un fondo mediante a técnica do raiado; e un terceiro e último que se afasta da síntese para achegarse a unha factura máis expresionista.
Co gallo da exposición, a editorial Laiovento, publica o libro homónimo, no que reproduce a totalidade das viñetas da exposición acompañadas, ademais, con textos asinados por Manuel Igrexas, Félix Caballero e Javier Pérez Buján.