Conta atrás para os Premios Feroz: Arranca en Pontevedra a campaña promocional da gala

Miguel Anxo Fernández Lores e Rafael Domíngez (no centro) descubrindo esta sexta feira a imaxe promocional dos Premios Feroz en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra)

Unha representación da Boa Vila asistirá ao Festival Internacional de Cinema de San Sebastián para promocionar o evento.

O Concello de Pontevedra activou esta sexta feira a campaña de publicidade e promoción dos Premios Feroz, os galardóns de cinema e televisión que concede a Asociación de Informadores Cinematográficos de España, que acollerá a Boa Vila nos anos 2025 e 2026.

A presentación contou coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, do portavoz do PSdeG na corporación municipal, Iván Puentes, e doutros membros da corporación municipal.

O obxectivo desta campaña é divulgar a importancia destes galardóns para a cidade, á vez que se tenta facer partícipe a cidadanía dos premios, nesta primeira fase de promoción.

O alcalde de Pontevedra asegurou que "os Premios Feroz serán un dos eventos culturais máis importantes xa non só da Galiza, senón do Estado e significa que Pontevedra é unha cidade moderna, unha cidade atractiva".

Lores tamén informou que Pontevedra estará presente no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián para promocionar a gala dos Feroz.

Pola súa banda, Rafa Domínguez afirmou que "que os Feroz veñan a Pontevedra é un éxito sen dúbida, un éxito no que a Deputación está e estará dentro dunha lealdade institucional mutua".

Igualmente expresou o seu desexo de que esta promoción teña tamén un retorno económico e que sitúe a cidade como escenario para futuras rodaxes.