A Coruña celebra o 90 aniversario da inauguración do monumento a Curros Enríquez

Felipe-Senén intervindo na homenaxe a Curros Enríquez nos xardíns de Méndez Núñez na Coruña. (Foto: Xoán Costa).

A Coruña acolleu na maña deste sábado 10 de agosto un acto de homenaxe e  conmemoración do 90 aniversario da inauguración do monumento ao poeta Manuel Curros Enríquez na Coruña.

O acto que arrancou ás 12 horas diante da estatúa a Curros Enríquez nos xardíns de Méndez Núñez estaba promovido polas asociacións Alexandre Bóveda, O Facho, Cantigas da Terra e Amigos dos Museos da Galiza, canda a Real Academia Galega de Belas Artes.

A xornada contou coa intervención do secretario da Real Academia Galega de Belas Artes e historiador da cultura galega, Felipe-Senén, quen sinalou que “é un acto para esconxurar o esquecemento e facer memoria do que significou en 1934 a inauguración dun altar para a patria galega na figura de Curros Enríquez”.

Felipe-Senén apuntou que “a obra elaborado por un artista como Francisco Asorey está cheo de simbolismo na liña do pensamento de Vicente Risco e da Xeración Nós e recolle a ética, a estética e a dignidade. Unha historia do pobo galego desde o megalitismo”.

O acto rematou co canto por parte de todos os asistentes do poema de Curros Enríquez dedicado a Rosalía de Castro, cuxa versión foi musicada por diversos compositores galegos.

A inauguración do monumento

O monumento a Curros que nesta mañá celebrou A Coruña foi promovido pola Real Academia Galega e inaugurado en agosto de 1934, nun acto onde tomaron a palabra o presidente da  República española, Niceto Alcalá Zamora, o alcalde da cidade, Alfredo Suárez Ferrín e Manuel Lugrís Freire.

Lugrís Freire, vello compañeiro de loitas de Curros Enríquez en Cuba, ocupaba naquela altura a presidencia da Real Academia Galega (RAG) e militaba nas filas nacionalistas, nas que se integrou nas últimas décadas do século XIX na illa do Caribe.

O conxunto arquitectónico é da autoría do gran escultor galego, Francisco Asorey, sendo configurado como un altar civil e emblema do pobo ga­lego en marcha. Neste sentido, presenta ao apoiado no seu libro e máis na lira, que inspirado pola musa vence os monstros da intolerancia.

A significación de Curros

A estatua de lembranza a Curros é a expresión da significación que nas primeiras décadas do século XX tivo o poeta para o pobo galego mais tamén da súa relación coa cidade da Coruña .

A relación de Curros coa Coruña iniciouse na súa mocidade, consolidouse após da homenaxe de 1904 e ficou definitivamente establecida en 1908 co enterramento do poeta no cemiterio de Santo Amaro.

Curros foi un dos poetas máis populares da Galiza durante décadas, destacando pola súa actitude rebelde contra o poder como patriota galego, progresista, republicano e anticlerical, que provocou a súa excomuñón.