A Coruña irmándase con Irlanda na III Festa Amergin da Poesía Atlántica

Segundo a lenda, da Torre de Hércules sairon os fundadores de Irlanda.
Roteiros, conferencias, música e poesía para estabelecer lazos de unión entre os dous países.

A AC Alexandre Bóveda e as asociaciacións In Nave Civitas e Xuntas polas Artes, coa colaboración do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC e a Torre de Hércules, convocan a III Festa Amergin da Poesía Atlántica na Coruña, coa intención de "estabelecer lazos de unión da literatura galega e a literatura irlandesa". O evento celebrarase os días 27 e 28 de xuño e o 6 de xullo.

A iniciativa inspírase no poema fundacional da literatura irlandesa, a Canción de Amergin, que mantén unha estreita relación coa Galiza: segundo a mitoloxía céltica, Amergin, o autor, pertencía ao clan gaélico de Breogán, que viaxou desde Brigantia (ou sexa, desde A Coruña) para fundar un país que había de ser Irlanda, "o país da poesía".

Un concerto de Distrito 10 no Pub Delirium abrirá as actividades o día 27 ás 21 horas.

Na sexta feira, día 28, terán lugar unha serie de conferencias no local da AC Alexandre Bóveda, a partir das 18 horas. Ángel Cerviño e Ana Santorum inician as intervencións falando do caso da Torre de Hércules como escenario de proxectos que unen arte moderna e patrimonio mundial. A seguir, o ornitólogo e escritor Antonio Sandoval dará a coñecer algunhas das aves que comparten a Galiza e Irlanda, tamén desde fontes literarias. Finalmente David Clark e Miguel Giráldez tratarán a obra do poeta Paddy Bush e a súa conexión co territorio e as súas conexións arredor do medio ambiente, a paisaxe e a conciencia do lugar con outros poetas irlandeses contemporáneos.

O programa completarase cun roteiro e unha festa da música e a poesía o sábado 6 de xullo, a partir das 21 horas, na praia do Areal. O programa darase a coñecer nos próximos días.