Albums de aquí e acolá / Olalla Cociña

“Das Kapital ensanchaban o camiño da música feita aquí”

O primeiro disco de Atrás Tigre publicouse en 2017. Fainos saír sucede nun lugar bretemoso, en que a herdanza do pop británico melancólico bate con ecos shoegaze ou as derivadas máis amábeis do post punk. Olalla Cociña (Viveiro, 1979), tamén poeta, é a responsábel de teclados e voces da banda.
 

“Cando escoitei por primeira vez Ruído negro (2011), de Das Kapital, sentín unha especie de alivio”, relata, “non é que o grupo inventase nada novo, pero pulsaba moitas cousas que ao mellor non se chegaran a premer de todo neste país”. Con base en Compostela e activos entre 2011 e 2015, Das Kapital xuntaba veteranos da escena como Marcos Payno e O Leo cun amador -o xornalista e poeta Daniel Salgado- nunha singular proposta electrónica de axitación e propaganda.

“Con ese disco situábannos no centro dunha urxencia. Ensanchaban o camiño da música feita desde aquí para o mundo. Era outra cousa, podiamos ser outra cousa”, engade, “sen complexos, desde todas as herdanzas”. Ruído negro, o primeiro paso dunha concisa traxectoria apenas estendida na súa seguinte obra -Grecia (2013)- e nun EP final homónimo (2015), convocaba música industrial, tecno pop escuro e, na lírica, o rastro evidente de Walter Benjamin.

 

“Das Kapital soaba como as súas letras. E a intepretación vocal do Leo era algo doutro mundo, ou tan pegado a este mundo que resultaba inquientante”, conclúe.

 

Á hora de escoller disco internacional, Olalla Cociña -cuxo último libro é o recente Vestir a noite (2017, premio Afundación)- non é tan categórica. “Sempre fun picaflor, ecléctica musicalmente, e éme complicado elexir... Non é tan doado que os namoramentos musicais, igual que os outros namoramentos, perduren no tempo”, argumenta. E, porén, hai un “amor” que axiña lle vén á cabeza: Dummy (1994), o primeiro traballo de Portishead.

 

Dalgún xeito, a beleza entristecida do trip hop de Bristol aínda ecoa ao fondo de Atrás Tigre. “Cando descubrín Dummy foi como entrar nun cuarto azul escuro de dolorosa felicidade”, explícase, “a mestura de xéneros, as texturas, as letras, a fondura da voz de Beth [Gibbons]...”. Mais non queda apenas en Portishead, aos que accedeu canda outras obras para ela fundamentais: Lady in Satin (1958) de Billie Holiday e The rise and fall of Ziiggy Stardust and the spiders from Mars (1972), de David Bowie.

 

Cociña remata cunha mención á discos da súa “adolescencia grunge”, o Last Splash (1993) de The Breeders, e a “doce escuridade” de Disintegration (1989) de The Cure. O que, pechando o círculo, sitúa próximo a algunhas composicións da súa banda Atrás Tigre, da que tamén fan parte Xiana Arias Rego (baixo e voz), Pedro Solla (guitarra e voz) e Antón Blanco (batería).