David Veiga (músico): "Nunca escoitara os tres Concertos de Bach xuntos en directo, son un agasallo para o ouvido"

O violinista David Veiga (Foto: Nós Diario).
David Veiga (A Coruña) é violinista e profesor do Conservatorio Profesional da Coruña. Este sábado estará tocando os tres Concertos para violín e orquestra de Johann Sebastian Bach nun espectáculo único que terá lugar no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo.

Por que son tan especiais estas pezas musicais?
Primeiro, pola súa extraordinaria beleza. Bach é un compositor tan universal e tan importante para a historia da música que non mencionar os seus Concertos para violín sería un agravio tanto para o instrumento como para o compositor.  Ademais, son moi importantes para a educación musical da xente nova, son unha parte básica do repertorio dos conservatorios a nivel mundial. É moi curioso porque, a pesar da súa beleza e do fundamentais que son, é moi complicado poder escoitar os tres Concertos xuntos nun só espectáculo. Eu, por exemplo, nunca os escoitei xuntos en directo. Poder facelo é un agasallo para o ouvido e unha ocasión única para desfrutar porque ademais son concertos sumamente importantes para entender a evolución de Bach. 

Sen estes concertos non teríamos os que viñeron despois. Bach é dos compositores máis prolíficos, determinantes e influentes. Non teño palabras suficientes para describilo. 

Por que é tan complicado escoitalos xuntos?
Non sabería dicir. Normalmente, a programación dos concertos adoita contar cun solista na primeira parte e despois unha sinfonía ou algo diferente e creo que vén por aí. Ademais, nesta ocasión estaremos tres solistas diferentes convidados pola orquestra A Clásica (Vigo), Raquel Carrera, Manuel Sabucedo e eu mesmo. 

É unha oportunidade única para ver diferentes puntos de vista de violinistas. Cada un de nós xa tocara coa orquestra algunha vez, mais sempre foi por separado: é a primeira vez que imos tocar nós os tres xuntos. Persoalmente, o feito de poder volver tocar coa orquestra para min é un agasallo e desfrutar do que fan, paréceme algo impresionante e estou moi agradecido. 

Como músico e docente nun conservatorio, como ve o interese pola música clásica? 
A pandemia fixo estragos, mais agora estamos volvendo recuperar. Sempre hai xente interesada porque a cultura é moi importante para a sociedade. Aínda que podería estar máis promocionada e popularizada, porque na Galiza, por exemplo, só hai sete conservatorios profesionais. Baixo o meu punto de vista, tería que ser case obrigatorio que cada crianza soubese tocar un instrumento e ler música. É sumamente importante. E xustamente por iso sempre hai xente que quere aprender a tocar. E a difusión é clave, tanto por parte de orquestras, de concertos ou de solistas, como por parte das administracións e institucións. O labor que fai a orquestra A Clásica é extremadamente importante. É un fervedoiro cultural. Cando pensamos en sociedades antigas, lembrámolas pola cultura que tiveron e creo que é algo que nos caracteriza tamén a nós como sociedade occidental. Grazas ás institucións hai concertos, pero debería haber máis. Nos conservatorios ensinamos música clásica porque é a máis complexa e elaborada, leva moitos anos de evolución e eu creo que é inmortal.

Ocorre que, dependendo da época na que nos toque vivir, esa música transfórmase en música audiovisual, de concerto, gravada... Mais todas as músicas actuais beben da música clásica, incluíndo o pop ou o reguetón. O que temos que facer como músicos é achegala á xente porque o especial que ten a música clásica son os concertos en vivo.

Nós deberíamos sustentar a nosa base nos concertos con público e animar a xente a vir.