Sermos Galiza

David Rubín centra o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
Neste novo número do semanario analízase tamén o millo corvo e a toponimia galega.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a entrevista a David Rubín, feita por Manuel Barreiro que trata o amor do entrevistado pola banda deseñada.

Rubín salienta na entrevista que “Desde que fun pai, vexo a miña obra doutra forma, antes era desde dentro, digamos que desde min para min, mais agora empezo a pensar no legado. A miña filla vai poder saber o que pensaba, sentía... o que lle gustaba ao seu pai cando tiña 23 ou 35 ou 45 anos, como agora”.

Millo Corvo

Inicia este número do Sermos, cunha reportaxe a cargo de Elvira Branco acerca do rexurdir destra tradición culinaria.

“O labor de recuperación etnográfica, gastronómica e cultural da Asociación Cultural de Meiro permitiu que, a día de hoxe, poidamos coñecer e, sobre todo, degustar a tradición culinaria que este peculiar millo leva asociada”, indícase na reportaxe.

Previamente, na páxina de apertura, o escritor Lois Diéguez, ofrece unha reflexión titulada A terra tapada.

Toponimia galega

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Flor Fernández e titúlase ‘Toponimia galega, etimoloxías e curiosidades’.

Fernández explica que “Os nomes de lugares galegos están cheos de rica información historiográfica e de numerosas curiosidades que nos axudan a coñecer mellor o noso territorio”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Susana Sanches analizan na sección de libros dúas obras.

No caso de Xesteira, analiza a obra Feminismo en palabras de Luca Chao, un libro que segundo Xesteira, “é o resultado dese traballo de introspección propia e compartida, e ten un duplo obxectivo: nomear na lingua galega o feminismo e os termos que se xeran arredor del, e tentar mudar a realidade a través das palabras, sempre co convencemento de ser un convite, unha porta aberta á discusión e a ir máis alá”. 

No caso de Sanches, analiza Nom estamos quebrades, unha obra da autoría de Nee Barros. “esta obra é a narração de um caminho, de uma maneira de andar, de um procurar quem, onde, como sou eu.”, salienta Sanches.

No apartado musical, Belém Tajes analiza o disco Madre Padre Marte de Alejandro e María Laura. Pola súa parte, César Morán trata no seu artigo Roger Water, vocalista de Pink Floyd.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Dungeons & Dragons: honro entre ladróns, unha obra de John Francis Daley e Jonathan M. Goldstein cuxa historia, segundo Castro trata sobre “un cínico ladrón, ao que lle encantan que os plans saian ben”.

O Colectivo Xea escribe na sección Andar e Ver Ruta dos Chozos da Airoa, no Suído. “unha camiñada de interese natural, paisaxístico e etnográfico, na que ao longo do percorrido, perfectamente sinalizado, imos coñecendo os puntos de interese e descubrindo, ademais, coa entrada da primavera, o rexurdir das plantas”, indican desde o Colectivo Xea.

Pola súa parte, Manuel Xestoso analiza Shakespeare en Roma, na sección de Escena. “Quizais ninguén como Shakespeare teña analizado no teatro a forma en que o poder e as paixóns se entrelazan”, manifesta Xestoso.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!