Definitely Maybe: Oasis paraliza o mundo do rock

Liam e Noel Gallagher durante un concerto. (Foto: Will Fresch)
Tanto as contas en redes sociais de Oasis como as de cada irmán publicaron unha mensaxe que non fai máis que alimentar a ilusión de todos os seus fans. Nel aparece unha data e unha hora: 27/08/2024 8 horas. Será o momento no que se anuncie a volta da banda?

Agosto do ano 2009, París, Noel Gallagher anunciaba a súa saída de Oasis despois dun altercado nos camerinos co seu irmán Liam Gallagher antes do concerto. Oasis deixaba de existir e o resto dos seus membros, liderados por Liam, decidiron continuar traballando xuntos baixo o nome Beady Eye.

Pasaron exactamente 15 anos daquel momento e durante este período os e as milleiras de fans da banda máis 'canalla' do britrock nunca deixaron de soñar cunha volta de Oasis. Pois ben, ese momento podería estar a piques de acontecer e todas a olladas do mundo do rock están postas sobre os de Manchester.

Oasis é considerado un dos grupos máis destacados da historia do Reino Unido e da música rock, sendo considerado o máximo expoñente do movemento britrock (co permiso de Blur, a banda coa que sempre rivalizaron) e por ser tamén un dos grupos máis senlleiros da música a nivel mundial da última década dos século XX.

Definitivamente, talvez... é a tradución dun dos traballos máis importantes dos asinados por Oasis, 'Definitely Maybe', e é tamén un xogo de palabras que é utilizado pola prensa británica cada vez que toca escribir sobre unha posíbel reunión da banda para volver tocar xunta.

Os Gallagher, que nunca tiveron unha relación sinxela, deixaron de falarse en 2009, tras a lea que tiveron antes dun concerto en París, onde segundo contan, chegaron a pegarse. Desde entón, as declaración cruzadas de un contra o outro facían parecer que definitivamente (talvez) era imposíbel a volta da formación.

Mais este domingo o mundo do rock paralizábase. Centos de noticias nestes 15 anos especularon sobre a volta de Oasis, aínda que está vez parece que vai en serio. Así, nas últimas horas desta fin de semana, o Sunday Times aseguraba, segundo fontes da contorna, que o próximo verán producirase a volta de Oasis.

Incluso hai máis detalles sobre esta posíbel volta, pois as información falan de 10 actuacións no mítico -e agora remodelado- Estadio de Wembley, en Londres, capital do Reino Unido. De producirse ese feito, os Gallagher fulminarían o récord recentemente instaurado por Taylor Swift de oito concertos seguidos no senlleiro estadio.

Cando o xornal publicou esta información nas redes sociais, Liam pareceu confirmar que se estaban planeando os concertos, dicindo a outro usuario de X: "Vémonos en primeira fila". Por se todos estes fosen poucos indicios, tanto as contas en redes sociais de Oasis como as de cada irmán publicaron unha mensaxe que non fai máis que alimentar a ilusión de todos os seus fans. Nel aparece unha data e unha hora: 27/08/2024 8 horas. Será esta terza feira cando se anuncie a volta da banda?