A Deputación da Coruña programa 1.200 eventos na Rede

A cantante Sés (Foto: Nós Diario).
Sés e Fillas de Casandra, entre os espectáculos que os concellos poderán escoller dentro da rede Cultural da Deputación da Coruña 2024.

A Rede Cultural da Deputación da Coruña 2024 programará durante este ano e o primeiro trimestre de 2024 un total de 1.182 espectáculos, que chegarán a 91 concellos do territorio. A institución provincial realizará neste exercicio, para este programa, un investimento no circuíto de 1.513.435,20 euros.

Montaxes escénicas, audiovisuais, música, danza, ou maxia conforman a oferta que a Deputación cofinanciará cos concellos. Por programas, os espectáculos distribúense a partir de catro.

O primeiro, ‘Escena ao vivo’, levará propostas profesionais de teatro, monicreques, maxia, danza e música para concellos nun total de 846 espectáculos (455 de teatro, 284 concertos, 77 de maxia e 30 de danza).

O segundo, ‘Visións’, está dedicado ao cinema e contidos audiovisuais para concellos polo que pon a disposición destes 70 filmes. O terceiro, ‘Lingua a escena’, programa espectáculos profesionais de artes escénicas e música para concellos, especializado en contidos relacionados coa dinamización social da lingua galega. Forman parte del un total de 134 actuacións.

Por último está ‘Alicerce’, con 132 grupos de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades. Na programación figuran, entre outras, actuacións de SésFillas de Cassandra, Tarabela Creativa, Peter Punk ou a exhibición de filmes como Matria ou O Corno.

Dentro da Rede, a Deputación asume 75% do orzamento en concellos de menos de 5.000 habitantes; 60% nos que teñen entre 5.000 e 10.000; 50% nos de entre 10.000 e 20.000; 40% nos de entre 20.000 e 50.000; e 30% nos que superan os 50.000.