OBITUARIO | Din que marchou Sito Sedes, mais non é certo, seguireino a escoitar

Sito Sedes (S. S. L).
Xurxo Souto lembra a figura de Sito Sedes, cantante dos Satélites, no día do seu pasamento.

Din que marchou Sito Sedes.
E non é certo. Seguireino a escoitar, cantando boleros marabillosos cos Satélites.
O gran mestre que dedicou a súa vida toda a compartir beleza, elegancia e sensibilidade. Ou o que é o mesmo, a nos dar felicidade.

Enriba do escenario Sito nunca tentou facer demostracións de capacidade pulmonar. Sempre tivo claro o segredo da mellor música. Trátase de saber o que estás cantando e de poñer en cada sílaba o corazón todo. Así de sinxelo. Mais hai poucos co corazón tan grande.

Está para sempre dentro de nós, porque descubrimos o mundo no campo da festa. O seu estilo elegante e apaixonado identificouse plenamente co son da gran orquestra coruñesa: os Satélites.

Con eles compartiu 23 tempadas gloriosas. Daquela eran coñecidos como "os laídos", palabra ben enxebre que quere dicir directamente: "extraordinarios". Aparecían no escenario sempre vestidos de branco, sen concesión ningunha a excesos rechamandeiros. Entón Sito saudaba co seu conxuro máxico: "Señoras, señores distinguido público, con todos vostedes a orquestra os Satélites", e toda a festa se enchía co poder de Glen Miller e da música tropical.

Non elexiu o seu traballo, foi un mandato do destino. Quizá o seu camiño profesional debía estar nos estaleiros de Astano. Mais xa de pequerrechiño, na súa aldea, en Sillobre, chantaba unha mazá furada enriba dunha canaveira dos foguetes, e con este "micrófono" cantaba no seu propio grupo infantil.

Aos trece anos chegoulle a primeira oportunidade. A orquestra Atlántic de Pontedeume quedara sen vocalista. O seu veciño Lolito, "o Rubio" tocaba nela e animouno a facer unha proba. Sito botou case tres anos con eles. Moito lle acordaron sempre os compañeiros de entón: Rocha, Antonio Leira "Patolo", o director, Reimundo Amado, e o irmán deste, Pedro, que triunfou tamén como futbolista no Racing de Ferrol e no de Santander.

Da Atlántic pasou á "López-Malde" de Ferrol. Cando só levaba uns meses na nova orquestra apareceulle unha enfermidade pulmonar que o tivo dous anos apartado do escenario.

A paixón pode máis que calquera virus. Recuperouse e conseguiu cantar na Coruña, a cidade que lle levaba a idea.  Aínda non tiña 18 anos e xa era vocalista da orquestra Sintonía. Dalí axiña fichou pola Radio. Nela coñeceu ao seu gran mestre, o señor Pastor Asensio. Di Sito, "era un home dunha cultura inmensa. Repasabamos as cancións dando un paseo entre a rúa da Torre a Independencia. Preguntábame: ¿Entendes o que di a letra?. Pois agora a poñerlle sentimento".

O ambiente musical da cidade da fin dos sesenta era realmente fecundo. Aquí coñeceu tamén ao artista que máis o impresionou, -como non- Pucho Boedo, "el soio enchía o escenario, mesmo antes de cantar. Puña medo e non sabías por que".

Por fin acadou a culminación de todos os seus soños, cantar na orquestra das orquestras, os Satélites.

Segundo chegou un acordo con Lolito Otero, o seu director,  foi directamente ao teléfono, "chamei a casa Doro en Sillobre para que se enteirasen todos os veciños: Dille ao meu pai que fichei polos Satélites". Tiña motivos para estar orgulloso. Sito Sedes, fillo dunha familia republicana, dos que tiveron que estar sempre nun segundo plano, ascendía agora ao escenario da mellor orquestra de Galiza. Como dicía o outro " e que rabeen os ""repunantes"".

De todos xeitos, sentir na caluga o vento de tanto metal impuña moito respecto. Era o ano 69, no seu debut, na sala de festas de Peisaco, tremíanlle as pernas, "pensaba: a ver se me van botar". Mais Sito axiña encontrou o seu lugar e viviu cos Satélites días de auténtica felicidade, "lembro os ensaios na rúa Oriente, cada corda, saxos, trompetas e trombóns, ensaiaban en días diferentes, cando á fin se xuntaban producíase algo realmente marabilloso".

Na orquestra cada quen tiña ao seu alcume. El era de pelo lisiño. Chamárono directamente "o rizos". Comezaron as viaxes por Galiza adiante, facendo amigos aldea por aldea. Di "o rizos", " daquela o que máis me gustaba era ir comer polas casas. Ser un máis da familia. E o costume de botar os foguetes entre prato e prato. Escoitabas un foguete e dicías na casa de tal veciño xa van pola sopa".

Tantos lugares visitaban que a mediados de Agosto xa case nin sabían por onde estaban, "dicíamos os músicos: os cranios andan mal".

Cos Satélites Sito tamén tivo tempo de triunfar no programa Aplauso da Televisión Española, de deixar coa boquiña aberta ás orquestras de Valencia na súa propia terra, e sobre todo de gravar varios discos, hoxe auténticos clásicos da música galaico-tropical.

Sen promoción ningunha "A Salve Sabrosa", o famoso "Pégale duro Ramón", converteuse en "disco de ouro". Velaí o verdadeiro triunfo, o que non se basea nunha gran campaña publicitaria senón en ir prendendo lumes, un a un, no corazón da xente.

Tras tantos días de ruta, no 82 Sito deixou a súa orquestra, "cantei por última vez na discoteca Zeus de Campolongo. Estiven chorando na esquina da miña casa antes de poder abrir a porta".

A súa marcha provocou verdadeira conmoción en moitos lugares de Galiza. En Muxía, por exemplo, os Satélites tardaron varios anos en volver tocar na Barca. Tanto desgusto colleron os muxiáns.

O mestre cambiou de profesión, fíxose produtor na Televisión de Galicia. Mais en rigor nunca acabou de deixar á súa orquestra.

Aquel rapaciño de Sillobre da mazá chantada na canaveira sempre cheo de ilusións. Sempre disposto a nos agasallar coas máis altas formas da beleza.

Moitas grazas Sito por facerme tan feliz.
Moitas grazas, mestre.