Albums de aquí e acolá / Magín Blanco

“Espido é o colmo da inspiración”

Magín Blanco.

A tal altura, Magín Blanco (A Rúa, 1960) fixo practicamente de todo na música galega. Con La Rosa, engadiron delicadeza pop blues aos estertores da movida. Os seus catro elepés son pezas de culto. Compartiu sensibilidade folk cos ourensáns Burgas Beat no fermoso Clic (2008). Desde hai anos, as cancións para crianzas centran os seus labores.
 

“O disco de Espido paréceme o colmo da inspiración”, afirma sobre a súa escolla galega para Albums de aquí e acolá, “o seu tratamento acústico é moi inspirado. É dificilísimo que funcione. E funciona”. Detrás de Espido, obra homónima publicada en 2015, atópanse Guadi Galego e Guillermo Fernández, vellos compañeiro en Berrogüetto e artífices de númerosos proxectos a medio camiño entre os sons de raíz e o formato pop.

“Facer un disco acústico que teña entidade é complicado. Eles, que son grandes músicos, conségueno”, abráiase. A reducción dos arranxos á voz de Galego e ás guitarras desenchufadas de Fernández supón, entende Blanco, un desafío estético de primeira orde. E a pedra sobre a que os integrantes de Espido pousaron unha fértil traxectoria discográfica. “Aquí está o xermolo de aCadaCanto (2012), por exemplo”. En aCadaCanto participaron tamén Xabier Díaz e Xosé Lois Romero.

 

Mais Espido serviulle a Magín Blanco para adentrarse en zonas musicais inéditas. “Eu nunca fora capaz de facer un disco acústico”, sinala, “pero Espido seduciume tanto que hai catro anos comecei cun disco para bebés”. Gatuxos, en 2014, foi un libro disco apoiado no espectáculo “en que se fusionan as artes, a música, as cancións, o teatro, os contos, o clown, a manipulación de obxectos e o claqué”.

 

As músicas para a infancian ocupan os esforzos de Magín Blanco. “Podía falar de Blonde on Blonde de Dylan, pero agora dedícome a isto”, xustifica a súa elección internacional. Que son os tres discos que a brasileira Adriana Calcanhotto editou baixo o seu alter ego Partimpim. “É ela facendo cancións para nenas e nenos, son discos marabillosos”, afirma entusiasmado.

Calcanhotto é unha das figuras centrais da renovación da Música Popular Brasileira (MPB). Pola súa propostan circulan samba, bossa nova e pop que, metamorfoseados en Partimpim, dan lugar a un son que Blanco compara co do catalán do norte Pascal Comelade: “Usa ese mesmo concepto de brinquedo, con instrumentos de xoguete, pero máis traballado”. Admira, ademais, a posta en escena de Partimpim e os seus aires naíf.

 

Magín Blanco, cuxo último traballo é outro libro disco, Camiños -con poemas e relatos de Ledicia Costas, Víctor Freixanes, María Lado ou Anxos Sumai-, conclúe lembrando que, en realidade, escoita músicas de toda condición. E que a radio segue a ser un dos seus principais subministradores.