O seu aclamado último disco explora a América abatida por Trump

Os estadounidenses Low actuarán en Compostela o 1 de outubro

A banda estadounidense Low. Foto: cedida.

A música de Low desprégase con lentitude. O seu núcleo é pétreo e cálido ao mesmo tempo. As voces de Alan Sparhawk e Mimi Parker debuxan liñas melódicas que, no seu último disco, acaban sepultadas polo ruído e a furia. Unha das bandas máis aclamadas da escena independente estadounidense actuarán o 1 de outubro en Compostela.
 

O concerto será na Sala Capitol ás 20.30 horas e centrarase en Double Negative (2018), o traballo en que exploran desde a rabia a América esmagada da era Trump. A obra, acabada de publicar, está a recoller o favor da crítica internacional, que a intepreta como o berro afogado da liberdade en tempos escuros. Guitarras destiladas das experiencias de Crazy Horse e sutís pero fundamentais irrupcións electrónicas configuran un son nado na melancolía infinita da escena slowcore.

 

Non é habitual que un grupo entregue un dos seus elepés máis recoñecidos cando a súa carreira xa dura 30 anos e as pezas da mesma suman ducia e media. Double Negative, que presentarán en Santiago da man da produtora Work on Sunday e con billetes a 20 e 22 euros de prezo, é unha excepción. Low, procedentes do Estado de Minnesota, volven reinventarse.