O dramaturgo Euloxio R. Ruibal, protagonista da homenaxe 'O Escritor na súa Terra'

Euloxio R. Ruibal, no centro, xunto a Goretti Sanmartín e Cesáreo Sánchez. (Foto: Nós Diario).
Un monolito conmemorativo e unha abeleira homenaxean o autor de teatro no parque de Galeras de Compostela.

Santiago de Compostela acolleu este sábado a homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que este ano alcanzou a súa XXX edición.

O dramaturgo Euloxio R. Ruibal, protagonista do acto de recoñecemento, estivo acompañado no parque de Galeras pola alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

Nese primeiro escenario de celebración, o homenaxeado descubriu un monólito conmemorativo e participou na plantación dunha abeleira, a árbore do autor.

"Ten un posto importante na mitoloxía, entre os celtas era unha das vinte árbores sagradas. Gústanme as abelás tamén, outro motivo máis para escollela", contou nunha entrevista concedida a Sermos Galiza.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, lembrou o papel fundamental de Euloxio R. Ruibal na renovación da dramaturxia galega, os seus comezos en Ditea e no Grupo Abrente e o seu vínculo con Compostela, o seu lugar de residencia desde a infancia.

Traxectoria

Ruibal é un dramaturgo fulcral na historia do teatro galego e un dos autores dramáticos máis frutíferos do país. A súa obra resultou fundamental para a creación da nova dramaturxia galega que se abriu camiño a partir de finais da década de 1960 principios da de 1970 e que desembocaría no nacemento do teatro profesional galego.

Integrado desde moi novo na escena teatral compostelá, entrou a formar parte en 1961 de Ditea, acrónimo de Difusión do Teatro Afeccionado, da man do actor e director Juan Jesús Valverde, e alí dirixiu en 1967 a súa primeira obra, Asia, de Henri René Lenormand.

En 1973 participou na primeira Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia, e resultou gañador do concurso de textos teatrais en galego con Zardigot, obra considerada fundacional do teatro galego contemporáneo.

Letra E

A homenaxe continuou no Teatro Principal, onde tivo lugar o acto de entrega da "Letra E" e onde a concelleira de Capital Cultural de Compostela, Míriam Louzao, puxo en valor "o compromiso" da obra de Ruibal, "a apertura de novos camiños e, sobre todo, o amor ao país, á cultura e á identidade de noso".

A escritora Inma López Silva foi a encargada da laudatio do autor. "Cando facer teatro era un acto de valentía, alí estaba Euloxio R. Ruibal. Cando o cine era un xesto de resistencia que parecía posíbel só alén dos ríos e das montañas convertidos en fronteiras deste país de cinza, aí estaba Euloxio. Cando as artes estaban soterradas por un manto de incomprensión e ignorancia, velaí el, o Ruibal, como refuxio de pintores, coa súa elegancia e a súa calma infinitas".

Antes dun xantar de confraternidade Euloxio R. Ruibal recibiu peza escultórica da Letra E, elaborada por Soledad Penalta, de mans de Cesáreo Sanchez Iglesias e tras a intervención de Beatriz Maceda Abeleira, vicepresidenta da AELG.