Que facer coa cultura? A debate en Compostela

.

Que facer coa cultura? Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) convoca un encontro aberto o próximo 25 de febreiro en Compostela para dar resposta aos principais interrogantes arredor dun sector cultural en tempo de crise. 

Como un proceso participativo de debate, con encontros con axentes da cultura galega e persoas interesadas no seu desenvolvemento presenta a AGPXC os debates que están a realizar arredor do documento “Pensamentos sobre: que facer coa cultura?”, un texto base que ten como intención “contribuír ao debido proceso de reflexión sobre a cultura que entendemos é preciso nestes momentos”. 

Despois de que hai máis de medio ano se desenvolvese con numerosa participación o primeiro dos encontros na Coruña, a AGPXC convoca un novo debate xa que entenden que dentro do mundo da cultura “hai unha necesidade clara de xuntarse e falar para poñer en común estratexias que melloren o noso presente e enfoquen camiños futuros para  a nosa  cultura”. A nova cita será o día 25 de febreiro na Galería Santiago ás 16.30 e prevese unha duración de catro horas. 

O debate terá como base o documento elaborado pola AGPXC -disponíbel na súa páxina- no que consideran que a crise “está a servir de coartada para desmantelar as estruturas culturais e poñer en perigo o dereito da cidadanía a acceder de xeito igualitario á cultura e ao coñecemento”. Para a Asociación, o mundo da cultura non está a vivir de maneira allea ao momento económico que afecta á sociedade mais denuncian que  “os axustes orzamentarios en si mesmos non son o problema principal, sono se están acompañados de improvisación, falta de análise das súas repercusións, ausencia de estratexias alternativas e en demasiadas ocasións, se connotan un abandono de funcións”.