Falece o cantor e compositor portugués Fausto Bordalo
Esta pasada noite faleceu o cantor e compositor luso Carlos Fausto Bordalo Gomes Dias, nado en pleno océano Atlántico a bordo do navío Pátria nunha viaxe entre Portugal e Angola —mais rexistrado na localidade de Vila Franca das Naves— o 26 de novembro de 1948. Tiña 75 anos cando finou esta segunda feira na súa casa, "vítima dunha doenza prolongada", segundo confirmou o representante da axencia artística Ao Sul do Mundo en declaracións á axencia Lusa de noticias.
Fausto Bordalo deixou para o recordo temas como O barco vai de saída, Como um sonho acordado ou A guerra é a guerra. O seu derradeiro disco, publicado en 2011, levou por título Em busca das montanhas azuis. Desde entón foi afastándose pouco a pouco dos escenarios até ofrecer unicamente concertos esporádicos.
O músico medrou no sector canda outros referentes do panorama portugués como José Zeca Afonso, Adriano Correia de Oliveira, Manuel Freire, José Mário Branco ou Luís Cília, e colaborou tamén con outros como Sérgio Godinho ou José Mário Branco.
O seu pasamento chegou a oídos do presidente da República portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, que quixo trasladar as súas condolencias á familia de Fausto. A través dun comunicado, o presidente afirmou que o músico, "ao longo de décadas, deixou um legado musical que se confunde com a própria história de Portugal".
"Fausto pertencia a uma constelação de músicos que traduziu para as canções de intervenção o sentimento do povo português, e é por isso inevitável associar o nome de Fausto aos nomes maiores da música portuguesa", engadiu.
Cando en 2002 afundiu fronte ás costas galegas o petroleiro Prestige, Fausto desprazouse á Galiza para cantar o Rosalinda (Se tu fores ver o mar), un tema que calou fondo no imaxinario popular galego polo seu significado e transcendencia.