Oito festivais de música asócianse para garantiren “cualidade, seguridade e sostibilidade”

Imaxe do festival WOS de 2016 na Sala Capitol de Compostela.

Oito festivais de música veñen de constituír a asociación Festivais de Galicia. O seu obxectivo, garantiren “a seguridade, a cualidade, a sostibilidade ambiental” dos encontros e “concretar un discurso que, desde hai unha década, se move no sector”.
 

O Sinsal da Illa San Simón -aínda que con extensións noutros lugares-, o WOS de Compostela, o Revenidas de Vilaxoán, o SonRías Baixas de Bueu, o 17 Graos da Ribeira Sacra, o Vive Nigrán, o Atlantic Fest na Illa de Arousa, e o Festival da Luz de Boimorto son os certames fundadores da agrupación. Que está aberta, segundo explica o seu xerente Xabier Alonso, a novas incorporacións.

 

O “discurso” ao que se refire Alonso recólleo a exposición de motivos da lei de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). “Que á súa vez plasmaba os desexos dos profesionais do ramo”, engade Alonso, quen, non obstante, lamenta o seu incumprimento: “Apenas se desenvolveron algúns puntos soltos”. Nesas páxinas constan "a importancia económica da cultura", o seu enfoque nun contexto internacional ou "a achega da produción privada". O Agadic creouno o Goberno bipartito en 2008, mais os sucesivos executivos do PP rebaixaron o seu orzamento e actividade, amais de restarlle ambición.

 

“Perante esas eivas, tomamos a iniciativa”, afirma, e relata o contexto en que xorde a iniciativa: “Os festivais móvense nun entorno global de moita competencia. No Estado, Levante aposta por eventos masivos, cun público masivo xuvenil, europeo, un lecer despreocupado. Nós non estamos en condicións de competir con iso. Nin queremos”.

 

A dicir de Alonso, Festivais de Galicia entende o seu labor como “factor de desenvolvemento territorial”. “Os festivais deben ser sostíbeis ambientalmente, deixar pouca pegada ecolóxica, teñen que servir á dinamización económica da contorna, ademais de contar cunha oferta musical de calidade”, expón.

 

Ao tempo, asegura ser consciente de que o panorama muda. “Os festivais son cada vez máis unha experiencia que se vive en comunidade, máis que a asistencia pasiva como espectador”. O exemplo do que tira é o Festival de Curtametraxes de Cans -esta fin de semana na parroquia do mesmo nome no Porriño-, “onde moita xente nin sequera ve un filme, asiste pola experiencia”. A esa tendencia é á que apuntan desde Festivais de Galicia.

 

Xabier Alonso, que se amosa extremadamente crítico coa función das administracións públicas como “programadores culturais” -“a programación cultural como comunicación política, non pode ser”-, conclúe cun reto: a igualdade de xénero. “Preocúpanos moito e é un tema moi difícil”, di, “vemos que no ámbito da produción se vai corrixindo, pero non no artístico. Temos que investigalo”.