O Festival Cortocircuíto exhibirá 42 películas procedentes de 16 países

Jacobo Sutil, Pela del Álamo, Míriam Louzao e Xosé Penas. (Foto: Concello de Compostela)
66% dos filmes conta cunha muller na dirección.

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto celebrará a súa vixésimo primeira edición cunha programación competitiva marcada polo compromiso coa igualdade e cunha ampla representación internacional.

Entre o 1 e o 6 de outubro de 2024, a cidadanía compostelá e as/os amantes da cultura poderán gozar dun programa comprometido co seu tempo e cunha ampla representación internacional onde conviven o cinema con destacados shows AV e sesións especiais con proxeccións e encontros entre destacadas profesionais e artistas, mostrando de novo a vontade da organización por ofrecer un programa que transcende a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección.


A concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao presentou este luns o programa do festival nunha rolda de prensa que contou tamén coas intervencións do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo.

Míriam Louzao destacou do tecido desta nova edición a súa "aposta por unha programación competitiva que conxuga o compromiso coa igualdade cunha ampla representación internacional".

Na súa intervención, o director do festival, Pela del Álamo, agradeceu a colaboración das institucións e entidades participantes e fixo especial mención ao esforzo do Concello de Santiago por consolidar e dar maior "estabilidade" ao certame a través dunha licitación da organización prorrogable durante 4 anos, "algo que acontece por primeira vez na historia de Curtocircuíto, e que nos permitirá e nos trasladará a responsabilidade de construír un modelo de festival máis eficiente, máis interesante e mellor", declarou.

Durante as seis xornadas de Curtocircuíto, Santiago de Compostela gozará dunha escolma de 42 películas procedentes de 16 países, distribuídas en tres seccións (Cosmos, Planeta GZ, Supernova) que foron seleccionadas entre os máis de 2.000 títulos recibidos. Deses filmes, 28 están dirixidos por mulleres, máis de 66 % do total. Presentarán as súas novas obras cineastas como Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger.


O cinema galego mantén a súa ampla presenza na programación, catro das oito seccións de cinema están dedicadas a cinema galego: Planeta GZ, Supernova, Terra e Curtocircuíto x Cineclube de Compostela.

A Sección Oficial Cosmos propón unha heterodoxa selección de filmes que abarca desde cinema narrativo ata pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos. Intégrana 25 pezas procedentes de países entre os que se contan Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán , Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur, Andorra, Suíza e España.

O risco e a innovación marcan as obras que se poderán ver en Curtocircuíto, onde atopamos propostas de ficción, documental e ensaio. Gozaremos en Santiago dos traballos de Gerard Ortin, Gala Hernández, Nicolas Gebbe, Daniel Pitarch, Sam Drake, Camille Vigny, Sandra Schäfer, James N. Kienitz Wilkins, Arvin Belarmino, Viv Li, Sara Rajaei, Joung Yumi, Elena López Riera, Ataka51, Stefanie Weberhofer, Laura Moreno Bueno, Rachel Walden, Keto Kipiani, Frank Sweeney, Rainer Kohlberger, Boris Hadžija, Hoda Taheri, Andrea Sánchez, Marina Lameiro, Caroline Poggi, Jonathan Vinel e Nikola Ilić.

Ao tempo, Planeta GZ celebra o cinema galego con nove películas asinadas por Nela Fraga, Hugo Amoedo, Inés Pintor, Sabela Eiriz, Paula Fuentes, Guillermo Cabrera, Fran Rodriguez Casal, Irene Saenz Carballeira, Feyrouz Serhal, Ariadna Cordal García e Pablo Fontenla. O cinema emerxente galego citarase en Supernova con filmes de Cris Souto, Anxo González Álvarez, Clara Maseda da Veiga, Patricia Lleras, Ramón Martínez, Elena Mato e Carmen Méndez.


O xurado da Sección Oficial Cosmos estará composto por cinco persoas con diversos perfís: o comisario e docente Guilherme Blanc, director do Centro Batalha de Porto; o curador e programador Peter Taylor, director do Berwick Film Festival; a antropóloga social, investigadora e escritora Valeria Mata; a xornalista Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine; e Caroline Maleville, programadora da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes.

A seccións Planeta GZ e Supernova contarán cun xurado formado pola programadora Catarina Boieiro; a compositora, cantante e produtora galega Belén Vidal, e a creadora e poeta Nuria Vil. Ademais, o xurado Novo estará integrado por Xoán Vázquez González, organizador do Club de Cinema FACOM; a guionista e humorista Xiana Rey; a redactora e editora Celia Eiras; o axitador cultural e produtor musical Arón Arias; e Inma Veiga, creadora audiovisual.

Os filmes programados optan a cinco premios oficiais e catro galardóns concedidos por xurados especiais: O Premio Cosmos á mellor película, dotado con 4.000 euros: o Premio Cosmos á mellor película innovadora, cunha dotación de 2.000 euros; o Premio Cosmos á mellor película española, que outorga á proposta á gañadora 1.000 euros de dotación, outros 1.000 euros en aluguer de material de rodaxe patrocinado por RC Service e a cualificación dos Premios Goya da Academia das Artes e das Ciencias Audiovisuais de España; o Premio Galiza, dotado con 2.000 euros e o Premio Supernova, sen dotación e patrocinado por Galicia Calidade

. Ademais, outorgaranse varios premios concedidos por xurados especiais: como o Premio do Público e o Premio Cátedra Cruz Vermella da USC, dotados cada un deles con 1.500 euros, o Premio do Xurado Novo, cunha dotación de 1.000 euros e o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Galicia Film Commission, Turismo de Santiago e galardoado cun curso de formación para as persoas integrantes do equipo de traballo na Escola Unitaria.

Sesións especiais

A inauguración correrá a cargo da formación efémera Submarina de Improvisación (Xavier Bértolo –teclados e sintetizadores–, Paulo Pascual –theremín– e Saúl Puga –contrabaixo–), que musicará en directo o filme Vinte mil leguas de viaxe submarina (Stuart Paton, 1916). O artista e docente Mario Santamaría ofrecerá a sesión Seguir un cable e enterrarnos no mar, mentres que a oceanógrafa, escritora e artista Mae Lubetkin percorrerá as profundidades oceánicas na súa sesión Futuros dos fondos mariños: Ciencia e ficción en dimensións profundas.

O festival tamén acollerá a mesa redonda Instrumentos de Visión: metodoloxías e analoxías entre a ciencia e a fantasía, organizada en colaboración co Art.Lab do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) a partir da súa exposición Instrumentos de Visión, do artista Armin Linke e comisariada por Mónica Bello desde Arts at CERN.

Ademais, Curtocircuíto, en colaboración co colectivo Galiza Emocional, propón unha Expedición Metaturística da man da antropóloga mexicana Valeria Mata e do director de escena galego Marcos PTT. Un paseo para mirar Compostela desde unha óptica diferente.