Curtocircuíto celebra o seu 15º aniversario proxectando máis dunha trintena de pezas que xirarán arredor do audiovisual galego

Xacio Baño e Jaione Camborda serán os primeiros protagonistas de ‘Terra’, sección na que se fará un repaso pola traxectoria de directoras e directores galegos.

cortocircuito

Curtocircuíto celebra o seu 15º aniversario proxectando máis dunha trintena de pezas que xirarán arredor do audiovisual galego. O festival -que organiza o Concello de Santiago, subvenciona a Deputación da Coruña e conta coa colaboración da AGADIC- decorrerá entre o 29 de setembro e 7 de outubro, e presenta como unha das novidades principais desta edición dúas novas seccións: Terra e Supernova. A primeira proporá unha programación arredor de cineastas de Galiza cunha traxectoria de prestixio e dá inicio este ano poñendo o foco en Xacio Baño e Jaione Camborda

Supernova, pola súa banda, nace para salvar a fenda existente entre os centros de formación e os circuítos profesionais, servindo de escaparate para os traballos de directores e directoras no comezo das súas carreiras. Cineastas emerxentes terán a oportunidade de presentar e defender fronte a público e profesionais eses primeiros traballos que non teñen fácil acceso aos espazos de difusión.

A maiores, a sección Planeta GZ, de carácter competitivo, recolle dez filmes que se atopan entre o máis destacado da produción galega no último ano. Nesta edición unha decena de propostas entre as que se atopan pezas de Oliver Laxe, Sandra Sánchez, Miriam e Sonia Albert-Sobrino, Ángel Santos ou Adrián Canoura.

O carballiñés  Alberte Pagán participará con Uluru na Sección Oficial Explora, na que Curtocircuíto dá cabida a obras que procuran novas caligrafías cinematográficas. 

O audiovisual galego non só estará presente nas proxeccións de Curtocircuíto, senón tamén nas actividades. É por iso que nesta edición o festival levará a cabo, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, as ‘Mesas interxeracionais do audiovisual galego’, un conxunto de relatorios e debates cun programa que o festival dará a coñecer nas próximas semanas.

Ademais, o Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que se desenvolverá entre o 29 de setembro e o 7 de outubro, seguirá a virar dende a curtametraxe cara contidos interdisciplinarios, afondando na fusión entre diferentes artes.

Máis en CULTURA
Comentarios