Sábado 21 de abril no Teatro Jofre

O folk desde abaixo de Vinicio Capossela chega a Ferrol

O trío de Vinicio Capossela. El é o da esquerda.

As cancións da tristura de Vinicio Capossela posúen unha perspectiva singular: ollan o mundo desde abaixo. Desde o traballo campesiño da Irpinia, no sur de Italia, e desde a empatía co canto popular dun Matteo Salvatore. Desde os que sofren a historia nas costas, ao cabo. Capossela presentará, por primeira vez na Galiza, o seu folk subalterno nun concerto este sábado no Teatro Jofre de Ferrol.

O disco dobre que o músico italiano publicou en 2016 titúlase Canzoni della cupa. Dividida en Polvere (Po) e Ombra (Sombra), a obra rescata memorias e sucesos dunha civilización a piques de se extinguir, a labrega da Italia meridional. “É un mundo que a historia medio soterrou”, declarou á saída do elepé, cuxos labores iniciais se remontan a 2003.

 

Aínda que a figura do “Tom Waits mediterráneo” pairou decote sobre Vinicio Capossela, a súa personalidade vai moito máis alá. Explorador das culturas oprimidas e defensor do valor das músicas tradicionais e populares, en Canzoni della cupa desenvolve unha especie de paganismo rebelde cruzado co Bob Dylan da “vella e estraña América”. Mais o sur de Capossela non é o de Estados Unidos. O seu proxecto é tamén unha revindicación do policentrismo musical.

 

Xusto antes de Canzoni della cupa, Capossela viaxou á Grecia aldraxada pola troika. Alí naceu Rebetiko Gymnastas (2012), dedicado a ese blues de arrabalde do medio oriente que se chama rebetiko. En Marinai, profeti e balene (2011), tamén dobre e definido polo autor como unha “Mariña Comedia sen medida”, o mar e as súas representacións literarias eran protagonistas. Máis dunha ducia de gravacións compoñen a súa discografía.

 

A Ferrol chega en formato trío, con Alessandro Asso Stefena e Víctor Herrero. O concerto será o sábado 21 de abril ás nove, no Teatro Jofre, dentro do ciclo municipal Son Aloumiños. As entradas véndense a partir de oito euros.