Folk, jazz, clásica e experimentación daranse cita en agosto no Noia Harp Fest

Rodrigo Romaní, director do festival.
O festival contará con arpistas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína 

Onte presentouse o cartel do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest (NHF), cuxa 11ª edición terá lugar do 8 ao 10 de agosto. Serán tres xornadas que acollerán unha ampla pluralidade estilística, con concertos de folk, jazz ou clásica.

Esta diversidade de estilos e de públicos é, sen dúbida, unha das principais características do evento que dirixen Alba Barreiro, Beatriz Martínez e Rodrigo Romaní, quen salientou que o festival "non se parece a ningún outro, pois reúne unha especial combinación de elementos que lle confire unha personalidade única, con concertos de proximidade e para prazas a ceo aberto, e que non entende de fronteiras".

O NHF comezará, por terceiro ano consecutivo, co Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa da Galiza, unha proposta que procura estimular a relación entre as e os instrumentistas máis novos do país. Máis de 25 nenas e nenos de distintas localidades galegas darán conta dos seus coñecementos, o día 8 de agosto no Liceo de Noia. Xa en horario de tarde, a Rúa do Curro será o punto no que se desenvolva a Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na que participarán arpistas de SonDeSeu.

A alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta, será a responsábel de abrir a xornada do día 9 cun recital na Igrexa Museo Santa María A Nova. Os concertos continuarán pola noite no Teatro Coliseo Noela. No recinto actuará Solomiia Savchuk, moza ucraína residente en Ferrol e destacada intérprete de Bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laude; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, recoñecidos intérpretes de clarsach (arpa escocesa) e guitarra acústica que presentarán o seu traballo máis recente, SPARKS, un disco no que regresan ás súas raíces, nas Highlands cunha mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man. 

O 10 de agosto, a francesa Camille Levecque dará un concerto íntimo no que o público do festival poderá coñecer por vez primeira o traballo da intérprete, que ten colaborado con artistas como Mike Oldfield ou Benoit Fromanger. 

Xa pola noite, a Praza do Tapal acollerá un concerto que contará coa música de Descofar -un trío bretón que mestura música da Bretaña coa potencia do post-rock e a intensidade inmediata da improvisación- e o intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, que presentará o seu primeiro disco, NIO, entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.