Galeusca reúnese de novo e exixe que cese "o ataque ás linguas galega, vasca e catalá"
A federación Galeusca, integrada por asociacións de escritoras e escritores en galego, catalán e éuscaro, retomou esta cuarta feira a súa actividade en Palma de Mallorca (Illes Balears). Tras dez anos sen reunirse, o encontro serviu para presentar, a través dunha declaración, o seu “compromiso de acción conxunta entre as literaturas de Galiza, Euskal Herria e os Països Catalans”. As entidades afirman no texto feito público que son "o testemuño vivo do legado histórico, cultural e lingüístico que nos precedeu" polo que teñen "a responsabilidade e a vontade de proxectalo no presente e no futuro máis inmediato axeitándoo aos tempos e necesidades".
Na sinatura do documento participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); Joxemari Carrere, representante da Euskal Idazleen Elkartea (EIE), e Sebastià Portell, presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).
“Exiximos ás institucións nacionais, estatais e internacionais o cesamento de calquera ataque contra as linguas galega, vasca e catalá, así como tamén contra as outras linguas minorizadas ou minoritarias no Estado”, demandan na denominada Declaración de Palma, "e reclamamos o pleno desenvolvemento da súa normalización e a súa promoción", engaden. No texto piden, ademais, que se cumpra a Carta Europea de Linguas Minorizadas, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e a Declaración de Friburgo.
Neste sentido, Cesáreo Sánchez Iglesias, en declaracións a Nós Diario, pon a como exemplo a situación nas Illes Balears "onde goberna PP con Vox e vemos que a normalización dun idioma é facilmente reversíbel". O responsábel da AELG sinala que no sector son as mesmas asociacións españolas "as que cuestionan e non entenden as nosas literaturas nin que estamos minorizados".
Reactivación da actividade
“Estamos aquí pola herdanza do espazo de intercambio cultural Galeusca, con precedentes históricos que datan dos tempos da Segunda República”, lembran na declaración. A federación, que representa ao redor de 2.800 profesionais, anuncia que continuará defendendo no futuro “a loita polos dereitos profesionais do ámbito da escrita e a tradución, o intercambio cultural e literario entre as nosas linguas e a difusión da literatura escrita nelas”, así como tamén “a liberdade de expresión”.
Para Sánchez Iglesias, é "moi importante facer equipo, corenta anos despois de que en Poblet aprobaramos o manifesto no que falabamos do dereito a decidir das nosas nacións sen estado por implicar que teriamos un territorio consolidado e un sistema literario non minorizado". Por último, o responsábel de AELG valora que entraran nas entidades de Galeusca de "novas xeracións" de escritoras e escritores.
Internacionalización
O encontro tivo como eixe central a tradución e a internacionalización literaria, actividade que Galeusca cre "unha mostra máis da nosa vontade de ser parte, de forma absolutamente normalizada e desacomplexada, da conversa cultural global partindo das propias realidades lingüísticas, culturais e nacionais".
Por este motivo participaron na xornada profesionais nas tres linguas: María Reimóndez, Lluïsa Soaz e Garazi Arrula. A xornada fechouse cun recital a cargo de Marga do Val, Sebastià Alzamora e Castillo Suárez.