Galeusca reúnese de novo e exixe que cese "o ataque ás linguas galega, vasca e catalá"

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC) recuperaron Galeusca esta cuarta feira nunha xornada en Palma de Mallorca (Illes Balears).
Cesáreo Sánchez Iglesias, Sebastià Portell e  Joxemari Carrere en Palma de Mallorca (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cesáreo Sánchez Iglesias, Sebastià Portell e Joxemari Carrere en Palma de Mallorca (Foto: Nós Diario).

A federación Galeusca, integrada por asociacións de escritoras e escritores en galego, catalán e éuscaro, retomou esta cuarta feira a súa actividade en Palma de Mallorca (Illes Balears). Tras dez anos sen reunirse, o encontro serviu para presentar, a través dunha declaración, o seu “compromiso de acción conxunta entre as literaturas de Galiza, Euskal Herria e os Països Catalans”. As entidades afirman no texto feito público que son "o testemuño vivo do legado histórico, cultural e lingüístico que nos precedeu" polo que teñen "a responsabilidade e a vontade de proxectalo no presente e no futuro máis inmediato axeitándoo aos tempos e necesidades". 

Na sinatura do documento participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); Joxemari Carrere, representante da Euskal Idazleen Elkartea (EIE), e Sebastià Portell, presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). 

“Exiximos ás institucións nacionais, estatais e internacionais o cesamento de calquera ataque contra as linguas galega, vasca e catalá, así como tamén contra as outras linguas minorizadas ou minoritarias no Estado”, demandan na denominada Declaración de Palma, "e reclamamos o pleno desenvolvemento da súa normalización e a súa promoción", engaden. No texto piden, ademais, que se cumpra a Carta Europea de Linguas Minorizadas, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e a Declaración de Friburgo.

Neste sentido, Cesáreo Sánchez Iglesias, en declaracións a Nós Diario,  pon a como exemplo a situación nas Illes Balears "onde goberna PP con Vox e vemos que a normalización dun idioma é facilmente reversíbel". O responsábel da AELG sinala que no sector son as mesmas asociacións españolas "as que cuestionan e non entenden as nosas literaturas nin que estamos minorizados".

Lluïsa Soaz, María Reimóndez e Garazi Arrula.
Lluïsa Soaz, María Reimóndez e Garazi Arrula.

Reactivación da actividade

“Estamos aquí pola herdanza do espazo de intercambio cultural Galeusca, con precedentes históricos que datan dos tempos da Segunda República”, lembran na declaración. A federación, que representa ao redor de 2.800 profesionais,  anuncia que continuará defendendo no futuro “a loita polos dereitos profesionais do ámbito da escrita e a tradución, o intercambio cultural e literario entre as nosas linguas e a difusión da literatura escrita nelas”, así como tamén “a liberdade de expresión”.

Para Sánchez Iglesias, é "moi importante facer equipo, corenta anos despois de que en Poblet aprobaramos o manifesto no que falabamos do dereito a decidir das nosas nacións sen estado por implicar que teriamos un territorio consolidado e un sistema literario non minorizado". Por último, o responsábel de AELG valora que entraran nas entidades de Galeusca de "novas xeracións" de escritoras e escritores. 

Internacionalización

O encontro tivo como eixe central a tradución e a internacionalización literaria, actividade que Galeusca cre "unha mostra máis da nosa vontade de ser parte, de forma absolutamente normalizada e desacomplexada, da conversa cultural global partindo das propias realidades lingüísticas, culturais e nacionais".

Por este motivo participaron na xornada profesionais nas tres linguas: María Reimóndez, Lluïsa Soaz e Garazi Arrula. A xornada fechouse cun recital a cargo de Marga do Val, Sebastià Alzamora e Castillo Suárez.

Comentarios