Gigatron: The Aluminium Paper Album
O mundo do metal nunca volveu a ser o mesmo dende que no ano 1997 aparecera Charly Glamour capitaneando Gigatron, a banda máis irreverente, divertida e paródica do metal estatal. Coñecidos polas súas versións de clásicos metaleiros e a esaxeración dos tópicos do metal dos 80 e 90, a banda foi quen de facerse un oco nos circuítos roqueiros e a día de hoxe ser un dos nomes imprescindíbeis na festa roqueira. Agora, após o seu ben recibido Apoteosis 666, chegan con The Aluminium Paper Álbum, composto con 14 temas que non serán a canción do verán, pero son do máis refrescantes.
Os múltiples rexistros vogais que ten Charly Glamour, é sen dúbida un dos puntos a favor da banda, xa que lle permiten explorar múltiples subxéneros do metal sen ningún problema. Cun solo desa gorxa, abre o plástico Catapultrash, que como o seu propio nome indica é un tema trasher que fala de catapultas namentres Charly fai alardes de agudos e falsetes. Con Viking Bugui, que foi o tema de adianto que xa escoitáramos, nótase máis o aire desenfadado da banda. A ritmo de power pegadizo e cantábel os viquingos invaden as discotecas para ir de festas e aplastar “pijos” e modernos. Pero como non lle teñen respecto a ninguén, a ritmo do que eles denominan Epic Quinqui, ou o que é o mesmo, rumba quinqui mesturada con epic metal, fan unha parodia de Conan, convertido en Conan, The Kinkis King. Unha fusión imposíbel, que aínda que ninguén o crea, funciona.
Nestes intres do plástico, temos claro que Gigatron seguen sendo o que eran e que o humor non é o oposto á calidade musical. Mais as sorpresas continúan a chegar con Camiona, un tema que aínda hoxe estou tentando clasificar. Un romance entre un home e un camión que casan nas Vegas e crían camionetas. Un tema creado a ritmo de tex-mex e hillbilly mesturado con power metal cunha letra surrealista da que aínda hoxe non me dei recuperado e que dá paso á verdadeira canción do verán, Cthulhu Piscinas. Este verán, baílase o Mambo Death, ou o que é o mesmo o Mambo de toda a vida que facía Pérez Prado fusionado con Death Metal no que o inmortal persoaxe de Lovecraft é o protagonista da letra. Pero como non todo vai ser festa, tamén hai que poñerse serio e estudar no verán o que non se fixo durante o inverno, e para iso temos Visigoth Kings Powerlist, cuxa letra non é outra que a listaxe do reis godos e cuxa música sería a envexa de todos os xograres.
O metal máis clásico dos 80 aparece en Supersatán. Hard Rock cos mellores riffs e unha letra chea de referencias dende Miguel Bosé a Iron Maiden cos coros do Heaven Can Wait, até a pezas da cultura tradicional. E cunha referencia a Mecano e pedindo a Satán que lle saque a maquillaxe, comeza a letra de Ñaaacry un tema que de non ser incluído neste álbum non pasaría nada. Todo o contrario que Kkanción un power rock setenteiro que lembra no seu estilo as orixes da banda ou El Vuelo del Majarón, unha espectacular versión do Voo do Moscón de Korsakov.
O disco remata coa triloxía Alluminati, cuxa primeira parte, remóntase ao antigo Exipto para narrar a descuberta do Papiro de Aluminio e a súa grande contribución á evolución e modernización do imperio faraónico. A segunda parte, Galileo Galactus, abandona Exipto para, nun ambiente de Epic Metal, entrar na época da Inquisición, onde Galileo é o heroe do rollo, perforando co seu telescopio o “santo orificio”, con homenaxe ao Bohemian Rhapsody de Queen incluída. E remata a triloxía con El Superjebi, na que se trasladan ao século XIX con as harmonías máis clásicas do heavy dos 80 e referencias a Dio, Iron Maiden ou Judas Priest, na que narran os nacementos “dos que naceron para salvarnos nos bares”.
Gigatron volven co seu metal irreverente e divertido, para levarnos a un mundo de festa e glamour metaleiro. Para pasalo ben, esquecer os problemas con boa música e bon humor, este é un disco imprescindíbel, porque, como ben di a banda, o heavy metal é inmortal!
VIDEO – GIGATRON – VIKING BUGUI https://youtu.be/m6dupa8yzZw
GIGATRON NAS REDES
WEB: https://www.gigatron.biz/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/gigatronoficial/
TWITTER: @gigatronoficial
LISTAXE DE TEMAS
- Catapultrash
- Viking Bugui
- El Conan
- Camiona
- Cthulhu Piscinas
- Visigoth King Powerlist
- Supersatán
- Ñaaacry!
- Kknción
- El Vuelo del Majarón
- Alluminati I: El Papiro De Aluminio
- Alluminati II: Galileo Galactus
- Alluminati III: El Superjebi