CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Gigatron: The Aluminium Paper Album

O mundo do metal nunca volveu a ser o mesmo dende que no ano 1997 aparecera Charly Glamour capitaneando Gigatron, a banda máis irreverente, divertida e paródica do metal estatal. Coñecidos polas súas versións de clásicos metaleiros e a esaxeración dos tópicos do metal dos 80 e 90, a banda foi quen de facerse un oco nos circuítos roqueiros e a día de hoxe ser un dos nomes imprescindíbeis na festa roqueira. Agora, após o seu ben recibido Apoteosis 666, chegan con The Aluminium Paper Álbum, composto con 14 temas que non serán a canción do verán, pero son do máis refrescantes.

Os múltiples rexistros vogais que ten Charly Glamour, é sen dúbida un dos puntos a favor da banda, xa que lle permiten explorar múltiples subxéneros do metal sen ningún problema. Cun solo desa gorxa, abre o plástico Catapultrash, que como o seu propio nome indica é un tema trasher que fala de catapultas namentres Charly fai alardes de agudos e falsetes. Con Viking Bugui, que foi o tema de adianto que xa escoitáramos, nótase máis o aire desenfadado da banda. A ritmo de power pegadizo e cantábel os viquingos invaden as discotecas para ir de festas e aplastar “pijos”  e modernos. Pero como non lle teñen respecto a ninguén, a ritmo do que eles denominan Epic Quinqui, ou o que é o mesmo, rumba quinqui mesturada con epic metal, fan unha parodia de Conan, convertido en Conan, The Kinkis King. Unha fusión imposíbel, que aínda que ninguén o crea, funciona. 

Nestes intres do plástico, temos claro que Gigatron seguen sendo o que eran e que o humor non é o oposto á calidade musical. Mais as sorpresas continúan a chegar con Camiona, un tema que aínda hoxe estou tentando clasificar. Un romance entre un home e un camión que casan nas Vegas e crían camionetas. Un tema creado a ritmo de tex-mex e hillbilly mesturado con power metal cunha letra surrealista da que aínda hoxe non me dei recuperado e que dá paso á verdadeira canción do verán, Cthulhu Piscinas. Este verán, baílase o Mambo Death, ou o que é o mesmo o Mambo de toda a vida que facía Pérez Prado fusionado con Death Metal no que o inmortal persoaxe de Lovecraft é o protagonista da letra. Pero como non todo vai ser festa, tamén hai que poñerse serio e estudar no verán o que non se fixo durante o inverno, e para iso temos Visigoth Kings Powerlist, cuxa letra non é outra que a listaxe do reis godos e cuxa música sería a envexa de todos os xograres.

O metal  máis clásico dos 80 aparece en Supersatán. Hard Rock cos mellores riffs  e unha letra chea de referencias dende Miguel Bosé a Iron Maiden cos coros do Heaven Can Wait, até a pezas da cultura tradicional.  E cunha referencia a Mecano e pedindo a Satán que lle saque a maquillaxe, comeza a letra de Ñaaacry un tema que de non ser incluído neste álbum non pasaría nada. Todo o contrario que Kkanción un power rock setenteiro que lembra no seu estilo as orixes da banda ou El Vuelo del Majarón, unha espectacular versión do Voo do Moscón  de Korsakov.

O disco remata coa triloxía Alluminati, cuxa primeira parte, remóntase ao antigo Exipto para narrar a descuberta do Papiro de Aluminio e a súa grande contribución á evolución e modernización do imperio faraónico.  A segunda parte, Galileo Galactus, abandona Exipto para, nun ambiente de Epic Metal, entrar na época da Inquisición, onde Galileo  é o heroe do rollo, perforando co seu telescopio o “santo orificio”,  con homenaxe ao Bohemian Rhapsody  de Queen incluída. E remata a triloxía con El Superjebi, na que se trasladan ao século XIX con as harmonías máis clásicas do heavy  dos 80 e referencias a Dio, Iron Maiden ou Judas Priest, na que narran os nacementos “dos que naceron para salvarnos nos bares”.

Gigatron volven co seu metal irreverente e divertido, para levarnos a un mundo de festa e glamour metaleiro.  Para pasalo ben, esquecer os problemas con boa música e bon humor, este é un disco imprescindíbel, porque, como ben di a banda, o heavy metal é inmortal!

VIDEO – GIGATRON – VIKING BUGUI https://youtu.be/m6dupa8yzZw

GIGATRON NAS REDES

WEB: https://www.gigatron.biz/

FACEBOOK: https://www.facebook.com/gigatronoficial/

TWITTER: @gigatronoficial

LISTAXE DE TEMAS

  1. Catapultrash
  2. Viking Bugui
  3. El Conan
  4. Camiona
  5. Cthulhu Piscinas
  6. Visigoth King Powerlist
  7. Supersatán
  8. Ñaaacry!
  9. Kknción
  10. El Vuelo del Majarón
  11. Alluminati I: El Papiro De Aluminio 
  12. Alluminati II: Galileo Galactus
  13. Alluminati III: El Superjebi

Comentarios