Titiriberia levará a Rianxo trinta funcións de vinte compañías de monicreques

A República Checa será a gran protagonista internacional do festival.
Os escaparates de Rianxo mostran títeres do mundo. (Foto Titiriberia)
photo_camera Os escaparates de Rianxo mostran títeres do mundo. (Foto Titiriberia)

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo, decorrerá entre o 12 e 18 de agosto cun cartel que inclúe 30 funcións de 20 compañías, ademais de obradoiros, mesas redondas e proxeccións. Este ano Titiriberia terá como gran convidada internacional a República Checa, xa que o festival trae a Rianxo a tradición histórica dos monicreques checos da man de dous grandes especialistas daquel país: Marie Jirásková e Pavel Jirásek.

"Titiriberia volve un ano máis e faino cun programa que inclúe dúas producións propias e sete coproducións con diferentes compañías", explicou Larraitz Urruzola, directora artística do festival, na rolda de prensa na que presentou a edición de 2024.

Urruzola sinalou que un dos pratos fortes desta edición será a chamada Feira Vella, unha recreación dunha feira tradicional na vila de Rianxo. Situado no Campo de Arriba, este espazo acollerá a estrea de diferentes coproducións escénicas do festival e unha colección de xogos antigos e atraccións de feira tradicionais. A feira acollerá unha exposición de Manuel Silva Bisgue, que leva anos a fotografar as diferentes edicións de Titiriberia, ademais de ser neste 2024.

É o caso de obras como Peito de Lobo, da compañía Seisdedos; Os casos da Feira Vella, de Teatro Airiños, ou Chafallas. A vendedora de fume, de A Cova das Letras; As aventuras de Pituquito, que Trécola Producións estreará na praia de Tanxil; A vella do gaiteiro, de Títeres Alakrán; Cantar do ano de Rianxo, tamén de Seisdedos, e Baleazaleak, obra dos vascos de Ostomila Títeres que traen ao galego esta montaxe do seu repertorio.

A presenza galega complétase con nomes como Os Monicreques de Kukas, Babaluva, Xirapaus, Pedras de Papel ou Teatro O Cubo.

Titiriberia tamén presentará dúas producións propias: As Variétes do Barriga Verde, espectáculo de variedades que evoca as actuacións que facía nas feiras a familia Silvent na súa barraca, e A Festa dos Títeres, pasarrúas que protagonizarán Vai de Roda, Viravolta e Os Quinquilláns e que inaugurará o encontro.  

A gran protagonista internacional será a República Checa, grazas a presenza dos xa amentados Marie Jirásková e Pavel Jirásek, mais tamén inclúe a compañía portuguesa Marionetas Rui Sousa, que ofrecerá o seu espectáculo Dom Roberto.

Outras compañías foráneas que se achegarán até Rianxo serán Los Claveles, de Murcia; Títeres desde Abajo, de Andalucía; La Tartana, de Madrid; ou Ostomila Títeres, de Euskadi.

Máis en CULTURA
Comentarios