Gil do Carmo e Luiz Caracol traen a Compostela música que sabe a Portugal

luizcaracol

Gil do Carmo presenta o seu traballo “A uma voz” no ciclo Sons´15 este sábado 23 no auditorio de Abanca. Luiz Caracol tocará en A Casa das Crechas a vindeira sexta feira. Dous dos novos e emerxentes nomes da música portuguesa en concerto en Compostela. 

 

Ser fillo do grande Carlos do Carmo e neta da inmensa Lucília do Carmo imponse na presentación de Gil do Carmo, unha das voces que agroman no panorama musical portugués e que chega este sábado a Compostela a presentar o seu novo traballo “A Uma Voz”. Guitarra portuguesa, acordeón e voz sentiranse nun concerto que forma parte do ciclo Sons´15 e terá lugar no Auditorio Abanca este sábado 23 de maio ás  21.00h. 

Do Carmo iniciouse na música con nome propio con “Mil Histórias” (1997), “Nus Teus Olhos” (1998), dous primeiros traballos que adiantarían un tempo no que o autor se atoparía co seu público ao vivo, en especial desde o seu bar “Speakeasy”. “Sisal” en 2008 supón a súa nova aparición no mundo discográfico con sons que, alén de Lisboa, evocan a música de Angola, Brasil ou Cabo Verde. A Compostela trae o seu novo traballo, consolidado como intérprete. Gil do Carmo ten creado temas tamén para grandes fadistas como Mariza, Donna María ou o propio Carlos do Carmo. 

De Cantos na Maré 

Coñecido na Galiza pola súa intervención na última edición de Cantos na Maré,o Festival Internacional da Lusofonía que se desenvolve cada ano en Pontevedra, Luiz Caracol volve ao vivo a vindeira sexta feira nun concerto que terá lugar en A Casa das Crechas. Caracol publicou en 2013 o seu primeiro disco, “Devagar”, para o que contou coa participación de recoñecidos nomes da música como Fernanda Abreu, Jorge Drexler ou Sara Tavarés. 

Natural de Elvas, Caracol ten no imaxinario angolano -onde moraban seus pais- unha das fontes da súa música na que mestura os sons portugueses e os da África lusófona ou mesmo de Brasil. O concerto das Crechas terá lugar o día 29 ás 21 horas e a entrada é de 5 €.