Mostra de Teatro de Cangas

A inclusión e a diversidade vertebran a Mostra de Teatro de Cangas

Ángela Ibáñez, Patricia de Lorenzo e Chusa Pérez de Vallejo en 'Hellen Keller a muller marabilla?', de Chévere. (Foto: Sabela Eiriz).
Esta quinta feira 27 de xuño comeza oficialmente a 41ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. O pregón da actriz Patricia Vázquez dará inicio a dúas semanas en que toda a vila do Morrazo se transformará nun grande escenario. 
 

Sen ningunha dúbida, unha das grandes citas na 41ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) que comeza esta quinta feira será coa obra de Chévere Helen Keller: a muller marabilla?. A obra indaga sobre a primeira muller xordocega en obter un título universitario, revelando as contradicións do discurso oficial sobre a súa historia. Pero ademais, dá pé a reflexionar sobre a inclusión na sociedade contemporánea, un leit motiv que vertebra o programa desta edición da Mostra.

A propia compañía Chévere -que ademais recibe o premio Xiria deste ano-, de feito, impartirá unha charla-obradoiro sobre Problemas, retos e ferramentas para facer unha obra inclusiva e accesible, dentro das I Xornadas de Inclusión e Teatro que contarán coa participación de varios colectivos que traballan con persoas con diversidade funcional e emprega o teatro e a pedagoxía teatral como ferramentas para mellorar a vida das persoas más vulnerábeis ou con risco de exclusión social.

"Aínda que xa levabamos moitos anos colaborando con asociacións que atenden a estas persoas, non foi até o de agora que focalizamos o programa neste aspecto do teatro", explica María Armesto, directora do festival, en conversa con Nós Diario. "un pouco aproveitando a obra de Chévere, mais tamén para facernos eco dunha corrente que se dá por toda Europa". 

Estreas e coproducións

Esta edición da Mostra edición reúne sete estreas absolutas, sete estreas na Galiza e catro coproducións que adiantan unha boa parte da temporada teatral que vén. Estreas de compañías galegas son Sobre o extravío ou a arte de perderse, da creadora Nuria Sotelo dirixida por Ana Vallés, reflexiona o esquecemento necesario e a arte de perder; a coprodución Rogelio. La fête completa a triloxía que desenvolve a compañía AsSircópatas con Dani Blanco, a mesturar circo, clown, corda frouxa, malabares, música e humor; Ruar é outra coprodución da Mostra, co colectivo Vacaburra, que traballa sobre o movemento no espazo público; Latexo -tamén coproducción entre a MITCFC e Pistacatro-, unha obra en clave de clown, con dous actores pallasos (Aitor Garuz e Jano Costas) orquestrada sobre os conceptos de ritmo, impulso e latexo; finalmente, Teatro Ensalle presentará Canchal XI. Sobre, coa colaboración do director e actor catalán Juan Navarro e a compañía Terrorismo de Autor, un elo máis dos proxectos colectivos que compañía leva a cabo baixo o epígrafe Canchales

Teatro no Auditorio

As funcións no Auditorio, por outro lado, atenden á diversidade das propostas da escena contemporánea na península. Ademais da obra de Chévere, paga a pena prestarlle atención á obra da compañía mallorquina afincada en Cataluña La Calòrica. Feísima enfermedad y muy triste muerte de la reina Isabel I  trata cuestións relacionadas co poder que non son alleas ás preocupacións máis actuais.

Portugal está presente no programa a través de A idade de Cacifo, da compañía Peripecia, unha inmersión no mundo da adolescencia. 

El Castillo de Lindabridis, de Calderón de la Barca é a proposta de Ana Zamora, xa ben coñecida do público de Cangas. A directora responsábel de devolver á actualidade o teatro medieval e renacentista acode agora a unha peza baseada nas novelas de cabalarías traendo a poética do barroco á sensibilidade contemporánea coa perseverante axuda da súa compañía de sempre, Nao de Amores.

O teatro xestual estará presente a través de Passport da compañía Yllana, moi querida por todo tipo de públicos; e o clown, estará representado por Perhaps, perhaps, quizás, da artista mexicana, Gabriela Muñoz "Chula the Clown", que se atreve a ironizar sobre a idea de amor romántico e a ilusión de atopar a parella perfecta.

Redes, de Las Ansiadas Producciones, mira cara a un futuro no que as relacións humanas están cada vez máis mediatizadas pola tecnoloxía a través do teatro físico, as máscaras, os títeres e a música.

E non hai que perderse a adaptación para títeres que a compañía El espejo negro fai do guión de El verdugo, a famosa película de Berlanga con guión de Rafael Azcona: despois da abolición da pena de morte, as dúbidas éticas sobre as formas de gañar a vida persisten noutros terreos talvez menos visíbeis.

"Este ano quixemos atender especialmente a diversidade escénica", explica Armesto. "Hai espectáculos de danza, circo,  clown, performance... Queremos mostrar todo o abano da creación que agora mesmo está dándose tanto na Galiza como fóra dela".

Teatro na rúa

A actriz Patricia Vázquez lerá na tarde desta quinta feira o pregón que dará inicio oficial á Mostra, pero xa na cuarta feira  tivo un adianto coa entrega do Premio Mulleres en Acción á artista visual María Ruído, de que se presentan varias videoperformances até o 7 de xullo, na Capela do Hospital. Hai que lembrar que a Mostra de Cangas é pioneira en buscar a paridade de xénero na súa programación.

Ademais, a Mostra organiza -en colaboración coa asociación DramaturGA- o VIII Torneo de Dramaturxia de Galiza, unha iniciativa única no país que visa a visibilizar e proxectar a escrita dramática propia: este ano, os participantes serán Borja Fernández, Cris Balboa, Gustavo del Río e Teresa González Costa. Deborah Vukusic será a presentadora do evento.

Cangas respirará teatro or todas as partes, tamén nas rúas: ademais das xa mencionadas AsSircópatas, Pistacatro e Vacaburra, a compañía A Vela Circo presentará O último que apague a luz; Teatro ó Cubo aposta polos monicreques en A Utópica Rodante "de Vilatriste a Vilalegre"; o catalán Perehosta traerá o seu Open Door; a valenciana maría Andrés converterá o persoal en artístico en Fràgil; e a Lilicleta disco ambulante de Fernando Pujalte repartira música e humor por toda a vila.

A perspectiva do tempo, que converteu Cangas nunha das vilas esenciais para comprender a historia do teatro galego, poderá contemplarse na exposición que reúne os carteis das corenta e unha edicións da MITCFC. Toda unha historia que explica a pervivencia dun festival xa esencial para a cultura galega.