Tito Asorey e Vanesa Sotelo, finalistas nos Premios Max pola súa adaptación de Ibsen para Talía Teatro

A montaxe de Talía Teatro xa fora a gran triunfadora nos Premios de Teatro María Casares que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. 
'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro. (Foto: Rubén Prieto).
photo_camera 'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro. (Foto: Rubén Prieto).

Tito Asorey e Vanesa Sotelo son finalistas dos Premios Max das artes escénicas pola súa adaptación de Unha inimiga do pobo para a compañía Talía Teatro. 

Os XXVII premios Max das artes escénicas, que se entregarán nunha gala o 1 de xullo en Tenerife, veñen de anunciar os seus finalistas finalistas. Dos 522 espectáculos inscritos nesta edición, 186 resultaron candidatos. De entre eles, só 44 montaxes chegaron  á última fase, congregando un total de 71 finalistas. Forever, da compañía vasca Kulunka teatro reúne o maior número de nomeacións, catro, seguida con dúas por  Prima Facie, unha coprodución de Producciones Abu, TiDi (Teatro Inversión Desarrollo Investigación), Hause & Richman Produccions, Gosua Films, Morris Gilbert y Teatro del Picadero .

Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, xa se convertera na gran triunfadora da edición deste ano dos Premios de Teatro María casares, ao facerse con sete galardóns: espectáculo, actriz protagonista (Marta Lado), actor secundario (Toño Casais), adaptación-tradución (Vanesa Sotelo e Tito Asorey), espazo escénico (Dani Trillo), iluminación (Laura Iturralde) e dirección, galardón que Tito Asorey compartiu con Quico Cadaval, director de O Auto de Castromil

O espectáculo, baseado na obra de Henrik Ibsen -Un inimigo do pobo, na súa versión orixinal- foi publicada hai máis de cento corenta anos, mais  condensa na súa trama algúns dos dilemas morais máis desacougantes da sociedade moderna: os conflitos de intereses entre o privado e o público, a manipulación da información, ou a relación entre a cidadanía e as institucións son minuciosamente examinados nunha peza que mesmo chega a cuestionar a validez da democracia e do sufraxio universal.

"É impresionante a lucidez de Ibsen para intuír o que se nos viña enriba hai cento corenta anos", declaraba Tito Asorey, director da montaxe, a Nós Diario, en marzo de 2023, uns días antes da estrea do espectáculo. "A transposición aos nosos día foi facilísima, e mesmo situala na Galiza viña case dado: está falando dunha comunidade que deixa de vivir do sector primario para, en teoría, mellorar a calidade de vida da súa poboación, mais ao final a hipotética autonomía económica acaba converténdose nunha hipoteca que non permite que a convivencia se desenvolva con normalidade". 

"Creo que é un espectáculo que nos achega, desde a mirada de hoxe, a un clásico do teatro social", explicaba a dramaturga -e colaboradora de Nós Diario- Vanesa Sotelo a este xornal. "Ofrece un espello co que colocarnos ante as contradicións que debemos afrontar á hora de escoller entre riqueza material e a inmaterial e como consentimos obviar ou dubidar das informacións obxectivas cando atenta contra os intereses individuais e inmediatos".

 

Comentarios