Contracultura

Inés López: "Acuruxar é unha palabra que empregamos moito para falar da aperta, do escudo defensivo"

A poeta Inés López traballa como médica de urxencias. (Foto: Nós Diario)
Inés López (Foxos, Pedrafita do Cebreiro, 1980) vén de publicar Acuruxar (Medulia Editorial), un poemario construído como un exercicio de autoexploración ao longo da vida da autora.

—Acuruxar é o seu primeiro poemario, mais como comezou a escribir poesía?
O meu primeiro contacto coa poesía foi cando tiña nove anos. Resultei premiada nun certame no que participaban distintos colexios e o premio entregoumo Manuel María. Despois diso comecei a ler poesía de maneira máis intensa e ao longo da adolescencia seguín escribindo para reflectir problemáticas sociais, distintas formas de vida e demais. 

Agora, con 40 anos decidín que era o momento de facer algo con este traballo. Pasei por un proceso persoal de enfermidade e nos meses que estiven na casa recuperándome fun madurando os textos e dándolles forma. Hai poemas que foron escritos hai 10 anos e que agora están vistos desde outro prisma. Quizais nun comezo había moito sentimento e agora hai máis compromiso como sociedade, porque ao final a poesía é unha forma de relacionarse co mundo e de expresar literariamente as reivindicacións.

É unha ferramenta para salvarnos das présas que ocupan toda a nosa sociedade, porque o poema require que a persoa que lea teña tempo para reflexionar e interpretar. Tamén quero reivindicar moito o papel das mestras rurais da década dos 90. Eu fun educada nunha escola unitaria e os primeiros libros que chegaron ás miñas mans foi a través de Isabel, unha mestra cun gran espírito de loita que revolucionou os centros nos que estivo. Ela reivindicaba o amor a terra, o coñecemento dos animais que vivían na nosa contorna e a lectura. 

—Como abordou este exercicio de autoexploración?
Unha vez que comezas a ler poesía con atención dáste de conta de que os poemarios teñen un fío condutor. Acuruxar, neste caso, aborda a miña vida desde os cero até os 40 anos. O primeiro poema é "A palabra" e, a medida que van pasando as estacións, chega a facer poema, a facer un escrito. Como a vida mesma, que xorde dunha semente. E así pouco a pouco, a medida que pasan os poemas, dámonos de conta de que non era tan difícil vivir, o que pasa é que nos complicamos e nos esquecemos de desfrutar das cousas pequenas. 

Quería transmitir que temos que buscar a maneira de salvármonos como sociedade. Hai algúns dos poemas que foron escritos despois da pandemia, mentres traballaba en urxencias no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Tivemos unha oportunidade de reconducir o mundo, e temos que facelo entre todas as persoas que vivimos nel.

Claro, isto tamén me deu unha forma distinta de entender a enfermidade e a morte e de enfrontarme a elas. Un dos poemas foi escrito para unha amiga que pasou un cancro, mais con 40 tocoume vivilo a min e acabei por verme reflectida. Até o de agora a miña escrita foi unha reflexión de vida e un convite a deternos no pequeno, mais a idea é continuar escribindo e poder abordar os poemas desde outros prismas. 

—Transmite ideas coas que outras persoas se poden identificar?
Totalmente. Ao final, todo o mundo ten os seus medos, aínda que estes se manifestan dunha ou doutra maneira. No poemario tamén está moi presente a figura da nai e creo que independentemente da relación que teñamos coa nosa propia nai, este sentimento pode extrapolarse a outras cousas, como o sentimento pola terra, a lingua, a sociedade que nos alberga, as amizades... De aí o nome do poemario, Acuruxar, unha palabra que empregamos moito na montaña para falar da aperta, o abrigo e o escudo defensivo contra o exterior.