José Ramón Hernández inicia ‘Residencia Paraíso’ en Carballo

Unha imaxe do proxecto 'Eyilá'. (Foto RMP)

O creador desenvolverá o seu proxecto de creación escénica ‘Eyilá ashé ebbora - archivo vivo de la resistencia’, co que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social

O artista José Ramón Hernández, fundador e director artístico de 'Osikán – vivero de creación', inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este 18 de xullo, en Carballo. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas promovido polo Colectivo RPM.

O Pazo da Cultura acolle até o 30 de xullo, a sexta destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta do artista interdisciplinar que ten por título Eyilá ashé ebbora - archivo vivo de la resistencia, un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mes de outubro de 2024, no marco da celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT.

Ademais, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Eyilá ashé ebbora - archivo vivo de la resistencia é un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. Inspírase nos saberes subalternos das persoas afro, trans, racializadas e migrantes do sur global e os feminismos negros que se están producindo no Estado español. Trátase da segunda investigación da serie escénica Opira, iniciada en Cuba en 2019 e que propón explorar o cruzamento entre o corpo filosófico yoruba, as ritualidades afrocaribeñas e as performatividades contemporáneas.

O proxecto consiste nun exercicio de combinación do espiritual e o matérico a partir da escoita profunda e a crítica dos camiños e designios que propoñen cada uns dos doce signos do diloggún, sistema ancestral yoruba de adiviñación na Regra Osha Ifa, practicada en Nixeria, Benín, Cuba, Brasil e outros países do Caribe e AbyaYala, para mirar as problemáticas das nosas sociedades contemporáneas.

 

Sobre o artista

José Ramón Hernández (Palma Soriano, Cuba, 1988) é un artista interdisciplinar afrocubano graduado do Instituto Superior de Arte de Cuba, fundador e director artístico de Osikán - vivero de creación. A súa práctica desprázase entre a dirección artística, a dramaturxia, a coreografía, o comisariado de artes en vivo, a instalación, a performance, a educación, a mediación e a xestión cultural. A súa investigación creativa pon o foco nas ritualidades afrodescendientes, a performatividade das corporaleidades periféricas, as materias, as espiritualidades, as memorias, as migracións, as cartografías e os desexos. Ensaia os límites entre a ficción e a realidade, o traballo con documentos non ficcionais e as ferramentas do sensible para afectar e intervir procesos sociais e comunidades.