Ledicia Costas, o artesanato portugués e Rivas Briones protagonizan o 'Sermos Galiza'

Detalles da edición do 'Sermos Galiza' do 1 de xuño.
Podes atopar o 'Sermos Galiza' esta fin de semana, a partir do 1 de xuño, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Como é habitual, este sábado, 1 de xuño, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta volta a protagonista é a escritora Ledicia Costas (Vigo, 1979), a quen entrevista Xan Carballa con motivo da publicación de Pel de Cordeiro (Xerais, 2024).

"Nos meus libros toco moitas cousas, pero hai un eixo central que adoita ter que ver coa atmosfera que creo, neste caso o mundo escuro das bruxas, pero despois o inconsciente opera e, aínda que a bruxería era o punto de partida, agroman cuestións nas que non pensara previamente, pero que como muller e ser humano teño enquistadas e me preocupan. O libro acaba sendo un sistema nervioso de múltiples brazos. Pero o punto de partida téñoo claro: quería escribir un libro sobre bruxas", sinala Costas na entrevista.

O artesanato portugués hoxe

O país veciño semella ter moito que dicir á hora de conxugar o diálogo entre o pasado e o presente. Centos de iniciativas percorren o país mantendo a artesanía local con vida e dando un espazo fundamental á diversidade creativa. Lucía Alcaina Romaní asina unha reportaxe sobre o artesanato portugués na actualidade.

Rivas Briones: un xenio por descubrir

Non era home Antón Rivas Briones (1918-2004) nin artista de fastos. Era o retratista da Galiza humilde, da xente do común: monicrequeiros, mantidas, peixeiras, leiteiras... Fixouse nomeadamente nas mulleres, e tivo especial teima coa súa faceta de nais. Cada unha das súas obras é un fragmento da memoria colectiva. E pode que por iso a súa obra emocione tanto: porque xuntou nela toda a verdade que había no seu compromiso coa terra, coa xente do pobo e co soño colectivo daquela República que viviu xa coa consciencia dos 13 anos. Montse Fajardo repasa nesta edición do Sermos Galiza a vida deste xenio.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero Varela achégannos as novidades no sector literario, a comezar por O incendio, de Sara Vila Alonso (Xerais, 2024), e Así vou eu, formando parte de Luísa Villalta (edición de Eva Veiga e Pilar Pallares, Chan de Pólvora, 2024).

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza o disco Eixo do Jazz Ensemble meets João Paulo Esteves da Silva! (Ferror Records), de Eixo do Jazz, e achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, David Regueiro asina o artigo 'Jazz e músicas improvisadas nos Martín Códax'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Furiosa (George Miller, Australia), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E Anxo Fole trae o menú do fin de semana cando xa cheira a verán. Aliás, Carlos L. Bernárdez fala do retorno de Castelao documentado por Xan Carballa, actualmente en exposición no Museo de Pontevedra.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 25 de maio, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!