MÁIS

Un litoral para namorar

A Praia Xilloi, no Vicedo, está protexida dos fortes ventos polos altos cantís. (Foto: Turismo da Galiza)
Areais, case, a capricho de cada persoa

Se hai algo do que temos que falar con orgullo na Galiza é das nosas paisaxes, especialmente as praias. O litoral galego peninsular está composto por 1.498 quilómetros cheos de cabos e rías. Un elemento identificador das nosas costas son as baixas temperaturas das augas, mais é este fenómeno unha tendencia? 

Segundo Meteogalicia, hai unha forte diferenza de temperatura entre as praias do norte e sur da Galiza. Poderíase supor que as máis frías habitan na Mariña, mais este atributo pertence en realidade á Costa da Morte e ás Rías Baixas. Posúen agora mesmo unha temperatura media de 14 grados, mentres que na Mariña poden chegar aos 21. Ana Lage, meteoróloga en Meteogalicia, relata a Nós Diario que esta gran diferenza de temperatura é case imperceptíbel.

Explica, tamén, que se debe ao vento Nordés, característico do país no verán, especialmente no litoral do sur. Este vento provoca un afloramento de augas profundas, máis frías, cara á superficie e é o causante de que as nosas augas conten cunhas temperaturas tan baixas.

O grao de abrigo ou mar aberto tamén inflúe nas temperaturas. A Galiza ten praias para todos os gustos e cada zona costeira destaca por si mesma. Se se busca constatar que a Mariña posúa augas máis quentes que o resto, a praia Xilloi (O Vicedo), recollida de ventos e correntes, é a máis axeitada coas súas dunas de area fina. O Nordés, ten o seu lado positivo; é o ideal para practicar actividades como o surf. A praia de Aguieira (Porto do Son) é unha das acaídas para practicalo. Se buscamos quietude nas augas, Gures (Cee) espera por nós na Costa da Morte, amosando a versatilidade do litoral da Galiza.