As puntas da Louza. Cancioneiro popular de labor, de Lorena Conde, ven de resultar gañador da 36ª edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense, que convoca o Concello.
O certame premia o mellor traballo inédito e orixinal escrito en lingua galega ou portuguesa e está dotado cun premio de 6.000 euros e a publicación da obra gañadora.
O xurado estivo formado por Cesar Lorenzo, Edelmiro Vázquez e Charo Lopes, gañadora de edición pasada, e destacou a "calidade lingüística e a estética coidada" da obra, así como a coherencia no discurso que soubo visibilizar a inspiración nas formas tradicionais da música tradicional e relixión, reformulándoas dunha maneira transgresora. A escritora de Pontesampaio remata así o mes de setembro acadando un segundo galardón tras ter gañado o III Premio María Victoria Moreno de relato.