Lucía Aldao, a revolta de Allariz e Luandino Vieira, no ‘Sermos Galiza’

Pezas deste número de Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario)

Lembra que podes atopar o ‘Sermos Galiza’ este sábado, 3 de agosto, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Como é habitual, este sábado, 3 de agostoNós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana.

‘Luandino Vieira, compromiso e resistencia’. Antón Mascato achéganos a Luandino Vieira. Portugués e branco, vira en angolano e preto (cor da pel tintada ao sol do campo de concentración do Tarrafal). Participa na resistencia anticolonial, como activista político e cultural, pagando un alto prezo, catorce anos de isolamento en cárcere. Solidario coa súa opción ideolóxica, o MPLA (Movimento Popular de Libertação de Angola) acompaña a construción da República Popular de Angola. O escritor Luandino Vieira encarna os valores principais do compromiso irrenunciable, a fortaleza da vontade transformadora. Esta primeira entrega continúa no seguinte número de Sermos Galiza.

“Luandino Vieira é fundamentalmente un narrador, un contador de historias, ás que chama “estórias”, que sendo máis longas que o conto non acadan a extensión da novela, coas que procura a afirmación identitaria do seu micromundo, a nación angolana, daquela en proceso de afirmación, e dende 1975 con estado propio”, escribe Mascato.

‘Lucía Aldao, unha obreira da palabra’. Montse Fajardo entrevista Aldao. É desde hai tempo un referente de quilómetro cero, como ela chama a quen é exemplo, e os premios Martín Códax consagrárona tamén como un nome imprescindíbel no panorama musical galego. Mais Lucía Aldao (A Coruña, 1982) recoñécese, sobre todo, como unha obreira da palabra que segue a picar pedra para vivir do seu traballo. Iso non quita que sexa polifacética por pracer, non por necesidade, e que picando, picando, vaia intentando derrubar muros contra a intransixencia, as máis das veces xunto a María Lado, a outra metade de Aldaolado.

"Percibíndome a sociedade como unha muller, vivir da música ou da literatura é algo máis complicado, tes que demostrar máis cousas", confesa durante a converSa coa xornalista.

Allariz, 35 anos

Este domingo é o 35 aniversario dun feito que mudou a traxectoria dunha localidade, un antes e un despois no seu futuro como vila. O 4 de agosto de 1989, unha parte da veciñanza de Allariz reúnese en asemblea para pedir un pleno co Goberno local e solucionar certos problemas que sumían a vila na decadencia absoluta. Ante a negativa do partido gobernante, a veciñanza fechouse na Casa do Concello, buscando así un rexurdimento das súas propias cinsas.

María Vila percorre aqueles feitos e fala cos seus protagonistas na reportaxe ‘O Arnoia é noso e non do raposo’. “O que diferencia esta revolta doutras foi, efectivamente, esa pluralidade ideolóxica. Allariz non se moveu por unha causa política ou por buscar a caída dun alcalde, senón por xuntar forzas e conseguir revivir a vila coa colaboración de toda a veciñanza”.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero achégannos as novidades no sector literario, a comezar por 90 anos nas ondas. Dos inicios da radio en Galicia aos nosos días, de Aser Álvarez; e Aquiles e a bágoa, de Ana Ramil

No apartado musical, Fernando Montenegro fálanos de Americana, de Abe Rábade e Rale Mici (Inquedanzas Sonoras, 2024). David Regueira, pola súa parte, fálanos de ‘Jazz de Ría 2024’, un festival de jazz que decorre na Costa Ártabra, abarcando diversos concellos marítimos das comarcas de Ortegal e Ferrolterra

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Bikeriders (Dirección: Jeff Nichols/ EUA / 116 min.), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. Ademais, Branca Novoneyra achégase a Kathleen Raine.

O Colectivo Xea lévanos nesta ocasión pola beira norte da ría de Arousa, a serra da Barbanza. e , por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o 'Sermos Galiza' este sábado, 3 de agosto, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!