Lucía Freitas, Os Carunchos e o ‘Curtas’ de Vila do Conde, no ‘Sermos Galiza’

Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Lembra que podes atopar o ‘Sermos Galiza’ este sábado, 27 de xullo, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Como é habitual, este sábado, 27 de xullo, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana.

‘Os Carunchos, 30 anos de música, alegría e reivindicación’. Tres décadas nos palcos, nas rúas e onde os reclamen. Os Carunchos presentan as súas armas musicais: gaita, voz, acordeón, zanfona, percusión e todos os instrumentos que foron sumando ás súas diversas formacións desde 1994. Un singular funcionamento asembleario é unha das súas múltiples peculiaridades. Agora celebran aniversario cun fermosísimo libro-disco con poemas de Manuel María e título engaiolante, Unha gorxa chea de paxaros (Xerais, 2024). E con concertos, moitos concertos.

Xan Carballa fala con Luis ‘O Caruncho’ sobre a traxectoria dun grupo chave na música tradicional galega.

‘Lucía Freitas, da horta á estrela’. Montse Fajardo con versa con Lucía Freitas (Compostela, 1982), unha chef cunha estrela Michelin no seu restaurante
A Tafona e a pregoeira das compostelás Festas do Apóstolo deste ano. Mais o título que lle dá máis fachenda é o de ser "unha empresaria filla de representante dos traballadores", que usa a súa popularidade para vindicar a tarefa de moitas mulleres, tan descoñecidas como imprescindíbeis para a súa cociña: praceiras, campesiñas, mariscadoras, gandeiras... Amasda terra que ela pon baixo o seu foco para darlles visibilidade.

"Sinto que son unha triunfadora porque son feliz co meu traballo e porque a día de hoxe podo axudar a outras persoas", confesa

Martin Pawley achéganos até o ‘Curtas’ de Vila do Conde, en Portugal. O "Curtas", Festival Internacional de Cinema, converte cada mes de xullo Vila do Conde (Portugal) nunha cita cultural ineludíbel grazas a unha programación de alta calidade e unha capacidade permanente para evolucionar e adaptarse ao estado da creación fílmica e ás formas artísticas asociadas. Unha longa conversa cos seus tres directores actuais, presentes desde a primeira edición, permítenos analizar o modélico crecemento dun certame cuxa influencia no prestixio internacionaldo cinema portugués ninguén cuestiona.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Anxo González achégannos as novidades no sector literario e á reelectura de clásicos, a comezar por A noite das cebolas, de Rosa Aneiros (Xerais, 2024), e a seguir por Arredor de si, de Otero Pedraio (Galaxia, 2017­­).

No apartado musical, Lois Agrelo fálanos de O segundo disco XD, de Filloas, (A Regueifa 2.0). Xurxo Souto, pola súa parte, lembra A feira das Mentiras, unha grande festa que houbo en Compostela en 1998 e que ficou na memoria de todas as participantes.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Blondi (Dirección: Dolores Fonzi/ Reino Unido / 87 min.), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. Ademais, Ramsés Perez volve ilustrarnos sobre o apaixonante mundo dos paxaros.

Carlos Bernárdez fálanos das “sensacións plásticas de Soledad Penalta e , por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o 'Sermos Galiza' este sábado, 27 de xullo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!