Na Coruña o 25 de febreiro

Lucía Novas e a caboverdiana Vera Duarte, no Poetas Di(n)versos

A poeta Lucía Novas. Foto: cedida.

Vera Duarte (Mindelo, 1952) é unha das poetas principais da lteratura caboverdiana. Autora de Amanhã amadrugada ou Exercícios poéticos, esta segunda feira recitará na Coruña, dentro do ciclo Poetas Di(n)versos, canda Lucía Novas (Bueu, 1979).
 

Duarte foi ademais ministra de Educación e é xuíza de oficio. Non só practicou a poesía: en 2003 publicou a novela A candidata (2003) e catro anos despois o ensaio Construíndo a utopia (2007).  

 

O último libro de Lucía Novas, Cervatos (Faktoría K, 2017),  é un dos máis celebrados da poesía galega recente. Antes dera ao prelo Epiderme de estío (Espiral Maior, 2001) e Neve (Espiral Maior, 2010). “É hoxe un dos nomes da poesía galega do novo milenio”, explica a organización do recital.

 

O acto será ás 20.30 horas no centro Ágora da Coruña. Haberá á venda libros das poetas, dispoñibilizados por “unha libraría de proximidade”. Poetas Di(n)versos, dirixido pola poeta Yolanda Castaño para o Concello da Coruña, celébrase unha vez ao mes. 

 

Nota: a poeta caboverdiana Vera Duarte.