MÁIS

Maeloc vive na Pastoriza

Nacho Pérez xestiona O Fogar de Maeloc desde fai dous anos. (Foto: O Fogar de Maeloc).
Un bar na Terra Chá para pór en valor a cultura do rural.

Hai cinco anos que o Fogar de Maeloc abriu as súas portas na Pastoriza (A Terra Chá). Foi Paula Prado Fandinho quen tomou a iniciativa de darlle unha utilidade á cafetaría da Casa da Cultura, en desuso durante varios anos. A súa idea era crear un bar, pero cun engadido. Quería que fose un espazo de encontro para diferentes actividades culturais e pór así en valor a nosa cultura tradicional, fortalecer a localidade, a contorna e promover os produtos da Pastoriza. 

O Fogar de Maeloc conta cunha sala anexa para diferentes usos e actividades culturais. No propio edificio atópanse tamén outras instalacións como o salón de actos ou a biblioteca municipal. Os e as visitantes poden gozar de todo o que ofrece a cafetaría de 9.30 a 18 horas de segunda feira a sexta feira. Os sábados e domingos abren sempre baixo reserva previa. 

Neste hábitat cultural buscan reivindicar e defender todos os dereitos humanos. Están moi implicados coas causas sociais, que poderemos atopar plasmadas nas súas paredes. O xenocidio de Palestina, a loita contra  a invasión eólica ou os movementos feministas son algunhas das loitas presentes. 

Maeloc conta tamén co seu propio club de lectura, no que adoitan celebrar xornadas con escritoras e escritores para charlas sobre as súas novelas e temas de actualidade. Queren promover a cultura propia da Galiza e por iso están a facer xornadas de billarda a través da Liga Nacional. 

Unha cafetaría na Terra Chá para gozar da gastronomía galega

Desde Maeloc tamén ofrecen roteiros e experiencias para coñecer a contorna e descubrir como funcionan as produtoras e granxas do sector primario no seu día a día. A comarca da Terra Chá é a segunda produtora de leite da Galiza. 

A cociña do Fogar de Maeloc non ten fronteiras e por iso apostan por receitas do país, pero sen deixar atrás as gastronomías de todo o planeta, como poden ser a marroquí ou a siria. Porén, todo o que se fai nos seus fogóns é con produtos de quilómetro cero.

O rostro de Maeloc

Hai dous anos, Paula Prado tivo que deixar o seu soño do Fogar de Maeloc e Nacho Pérez, un vello amigo, tomou o relevo. Non quería que se estragara o que Maeloc conquistara e tentou promover máis a vida rural e a esencia da Pastoriza. Ademais incorporou a promoción das diferentes loitas ao longo do mundo.

Comidas do país

No Fogar de Maeloc apostan por unha carta 100% con produtos de proximidade e de tempada. Durante os meses de frío, un dos seus pratos estrela é esta potaxe a base de castañas, setas e chourizo e que se coñece baixo o nome de guiso de Samaín. Tres ingredientes propios do país durante o outono e o inverno e que quentarán o corpo e encherán o corazón. 

A Bretaña na Galiza

Segundo diversas interpretacións, Maeloc (ou 'Mailoc') foi o lendario bispo que guiou a colonia britana desde a illa de Bretaña até a actual parroquia de Bretoña, na Pastoriza. Daquela coñecíase co nome de Britonia e foi o fogar da comunidade celta a partir do século V. A igrexa parroquial é o vestixio mellor conservado. Na estrutura actual consérvanse elementos desa primeira edificación, como pedras empregadas na construción ou, por exemplo, a cabeza dun anxo na entrada cara ao campanario. Outras obras destacábeis en Bretoña son a Casa do Bispo e a Casa do Pazo.