As Medallas da Galiza recoñecen a importancia do audiovisual galego

Luís Tosar, Zaza Ceballos e Álvaro Pérez con Alfonso Rueda (Foto: Arxina).
O Museo Centro Gaiás acolleu esta cuarta feira o acto de entrega das Medallas da Galiza que nesta edición reaceron en Luís Tosar, Zaza Ceballos, Álvaro Pérez. 

O actor Luís Tosar, a produtora Zaza Ceballos e a Academia Galega do Audiovisual recibiron esta cuarta feira, nun acto no Museo Centro Gaiás, a máxima distinción galega, a Medalla da Galiza, que nesta ocasión quixo recoñecer de forma extensiva a un "sector cada vez máis estratéxico", como definiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O primeiro en recibir a medalla e en tomar a palabra foi Luís Tosar, que agradeceu, ademais do recoñecemento, a "fortuna" de poder dedicarse "a unha das profesións máis marabillosas que existen", que "brinda a oportunidade constante" de poñerse "na pel doutros" e mirar desde aí "realidades distintas". Tosar reivindicou este valor, especialmente, nos actuais, "tempos broncos", tempos "violentos e intolerantes" nos que "parece que unha opinión pasa a ser un ataque".

Para Zaza Ceballos, o galardón é "un testemuño do esforzo colectivo e do talento que florece na Galiza" que "vén acompañado dunha gran responsabilidade", a de priorizar contidos "que afiancen" o propio, o galego. 

Por último, o discurso do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, comezou cun recoñecemento ao nacemento da TVG, que permitiu acceder aos primeiros contidos televisivos e audiovisuais en galego, e á figura de precursores como Ernesto Chao.

A Academia, dixo, tivo como principal papel "acompañar o crecemento imparable dun sector que sabe pivotar" entre áreas como o talento e a arte e a actividade industrial e que "precisa de toda a colaboración posible das administracións" públicas para "consolidar as conquistas" alcanzadas.