A mellor música do cinema chegará a Compostela: Tributo a Morricone, Zimmer e Williams

O músico Ennio Morricone. (Foto: Europa Press)
As mellores pezas cinematográficas de Morricone, Zimmer e Williams chegarán o vindeiro mes de outubro ao Palacio de Congresos e Exposicións da Galiza, en Santiago de Compostela, da man da Royal Film Concert Orchestra e do director Fernando Furones.

E. T., A morte tiña un prezo, Cinema Paradiso, Harry Potter, O Rei León, Novecento, Parque Xurásico ou O Rei León. Todas elas son títulos de películas ou sagas de filmes que ficaron no imaxinario colectivo do conxunto da sociedade.

E todas elas teñen algo en común, unha excelente banda sonora que as acompaña e que tamén quedou prendida na memoria de todos e todas. Pois ben, a música que acompaña todos estes títulos (e algúns máis), teñen algo en común, tres autores.

Ennio Morricone, Hans Zimmer e John Williams son tres compositores musicais que deixaron pegada a través dalgunhas das películas máis míticas da historia do cinema. Melodías que nos acompañan nas nosas vidas e que tamén dan pé á nostalxia.

Pois ben, as mellores pezas cinematográficas de Morricone, Zimmer e Williams chegarán o vindeiro mes de outubro ao Palacio de Congresos e Exposicións da Galiza, en Santiago de Compostela, da man da Royal Film Concert Orchestra e do director Fernando Furones.

Os autores

Ennio Morricone, nado en Roma o 10 de novembro de 1928 e finado o 6 de xullo de 2020 na mesma cidade, foi un compositor de música italiano. De pequeno foi compañeiro de colexio de Sergio Leone, co que máis tarde colaborou en case tódalas súas películas até a morte deste.

É un dos máis coñecidos dos compositores cinematográficos, grazas sobre todo á música dos "spaghetti western". Tamén é coñecido pola composición da banda sonora da película Sacco e Vanzetti. O filme conta a historia real de Nicola Sacco e Bartolomeo Vanzetti, dous italianos que emigraron aos Estados Unidos de América a principios do século XX e que foron perseguidos pola súa ideoloxía anarquista e a súa participación no movemento obreiro.

Hans Florian Zimmer, nado en Frankfurt, Hesse, o 12 de setembro de 1957, é un dos compositores de bandas sonoras máis recoñecidos en Hollywood. Ademais, foi pioneiro na utilización de computadoras, tecnoloxía de sintetizadores dixitais e teclados xunto a orquestras sinfónicas tradicionais en melodías de cinema e televisión.

John Towner Williams, nado en Long Island (Nova York) o 8 de febreiro de 1932, é un compositor estadounidense premiado varias veces polas súas bandas sonoras e nominado aos Oscar até en 45 ocasións (gañando até en cinco veces a estatua da academia).

Amigo de Steven Spielberg, asina as bandas sonoras de boa parte dos seus filmes, tales como Parque Xurásico, Tiburón, A lista de Schindler, Encontros na terceira fase e Munich. Tamén é socio do cineasta George Lucas, sendo o autor das famosas bandas sonoras das series cinematográficas de éxito Star Wars e Indiana Jones. Outras bandas famosas de autoría de Williams son a da saga Harry Potter e a do filme de Superman protagonizado por Christopher Reeve.