‘Memoria da Chaira Enteira’ polos catorce anos sen Manuel María

Manuel María, á beira do Miño en Outeiro de Rei. Maio de 1994.

O vindeiro sábado 8 de setembro, a asociación cultural guitiricense Xermolos ofrece un abano de actividades en lembranza do escritor chairego

“Non canta na Chá ninguén”, escribía Manuel María en 1954 como primeiro verso dun poema que axiña sería universal. Este vindeiro sábado, non obstante, a Terra Chá si cantará en lembranza do seu pasamento, hai catorce anos. O seu cabodano estará coroado coa música de Mero, quen cantará ‘O Carro’ na ofrenda floral que se lle adicará ao poeta no cemiterio de Outeiro de Rei, acompañada de versos e comunicados.

 

A visita ao cemiterio está programada para as 18:30 horas. Con todo, a xornada dará inicio ás 14:30 horas cun xantar de irmandade no restaurante Río Ladra, en Gaioso. As persoas interesadas en se anotar á comida, cun prezo de vinte euros por comensal, poden chamar ao número de teléfono 646 41 38 90 para tal fin. Logo da sobremesa, ás 17 horas, o monumento megalítico Penas de Rodas será o escenario dun recital poético.

 

Ás 19:30 horas será o momento dos recoñecementos. A Irmandade Manuel María e Xermolos farán entrega das Navallas de Manuel María a Branca Rodríguez Pazos –membro do consello asesor do Sermos Galiza e ex vicepresidenta da consellaría de Igualdade e Benestar– e, de xeito póstumo, a Moncho Valcarce, na carballeira de Santa Isabel. Marica Campo, David Otero e Mero Iglesias serán os encargados de apresentar tales condecoracións. Por último, o día pechará cun bocado comunal e grolo da Irmandade, “proveito de ben e futuro”, como sinalan desde a organización. Unha mostra de poesía e música porá a nota final dun día de cultura, arte e lembranza na Terra Chá.