“Non canta na Chá ninguén”, escribía Manuel María en 1954 como primeiro verso dun poema que axiña sería universal. Este vindeiro sábado, non obstante, a Terra Chá si cantará en lembranza do seu pasamento, hai catorce anos. O seu cabodano estará coroado coa música de Mero, quen cantará ‘O Carro’ na ofrenda floral que se lle adicará ao poeta no cemiterio de Outeiro de Rei, acompañada de versos e comunicados.
A visita ao cemiterio está programada para as 18:30 horas. Con todo, a xornada dará inicio ás 14:30 horas cun xantar de irmandade no restaurante Río Ladra, en Gaioso. As persoas interesadas en se anotar á comida, cun prezo de vinte euros por comensal, poden chamar ao número de teléfono 646 41 38 90 para tal fin. Logo da sobremesa, ás 17 horas, o monumento megalítico Penas de Rodas será o escenario dun recital poético.
Ás 19:30 horas será o momento dos recoñecementos. A Irmandade Manuel María e Xermolos farán entrega das Navallas de Manuel María a Branca Rodríguez Pazos –membro do consello asesor do Sermos Galiza e ex vicepresidenta da consellaría de Igualdade e Benestar– e, de xeito póstumo, a Moncho Valcarce, na carballeira de Santa Isabel. Marica Campo, David Otero e Mero Iglesias serán os encargados de apresentar tales condecoracións. Por último, o día pechará cun bocado comunal e grolo da Irmandade, “proveito de ben e futuro”, como sinalan desde a organización. Unha mostra de poesía e música porá a nota final dun día de cultura, arte e lembranza na Terra Chá.