Contracultura

MJ Pérez: "O noso sector musical ten que tomar conciencia da diversidade que hai e ampliar o abano"

MJ Pérez leva máis dunha década dedicándose á música. (Foto: Cristina Padín)
MJ Pérez (Arzúa, 1992) vén de publicar a versión en directo de 'Prenderlle lume á vila', dispoñíbel nas plataformas dixitais, un tema que resume algunhas das problemáticas sociais actuais así como os intereses detrás da programación de eventos musicais na Galiza.

—Por que Prenderlle lume á vila?
Así como hai temas nos que traballo durante un ano, este saíu no momento durante. Xurdiu despois dunha mala semana desta primavera. Eu xa viña queimada pola cuestión da vivenda, que creo que é algo que afecta moito á nosa xeración, aínda que non só. Nese momento tamén se falaba moito nos medios de comunicación a okupación, que é algo que ocorre de maneira cíclica en certas cabeceiras. Dá a sensación de que de súpeto todo o mundo se pon de acordo para meterse en casas e o resto do ano xa non existe. Tamén se mesturan cousas, como para distraernos do problema real de acceso á vivenda e que non ten tanto que ver con esta criminalización.

Sumado a isto, o meu banco comezou a aplicarme unha comisión, que ademais despois se viu que non era completamente legal e eu non fun a única á que lle pasou neses días. De feito, así como comezaron a aplicala deixaron de facelo. Isto cóntoo nos concertos: no banco dixéronme que eran gastos de xestión, mais logo ves a miña vila e a oficina está pechada, só hai un caixeiro que estivo 15 días inoperativo e cada vez que teño que facer algo acábanme mandando a Santiago. A gota que colmou o vaso foi a publicación de varios carteis de festivais. Gravei o tema a guitarra e voz na miña casa e compartina nas redes. Viralizouse, nivel MJ claro, para o que son eu, e agora quixemos publicar a versión en directo porque nos parecía unha mágoa que non se viran os arranxos que fixemos na banda. Que se publique agora tamén é un síntoma evidente da precariedade na que nadamos.

—Unha precariedade relacionada tamén coa programación musical da que falaba.
Eu non busco ningún sensacionalismo, porque é verdade que é moi fácil criticar a certos festivais grandes, mais eu creo que a lupa tamén debería ir cara os pequenos. A min paréceme xenial que traian artistas de fóra e de feito oxalá para o ano que vén anunciaran algún concerto de Dua Lipa, que non vai pasar. Mais tamén ten que haber unha responsabilidade social co de aquí, e dígoo como artista e como cidadá que paga impostos. Se fas un evento privado e pagas todo do teu peto, trae a quen queiras. No momento no que pides unha subvención tes que ter unha responsabilidade con quen dá eses cartos. Que non é o señor que asina o papel, é o pobo. Non pode ser que se inclúan só a dous grupos galegos e que ademais teñan o peor horario e unhas condicións que non quero nin saber. Tamén boto en falta que se integren máis artistas de Portugal. O Armadiña Rock paréceme un festival ao que paga a pena mirar e intentar aprender do que fai. 

—Cre que é unha demanda percibida ou real?
Levo 10 anos nisto e son a primeira que di que o meu camiño é imperfecto. Tamén porque a miña intención non é tanto a de encher estadios, senón a de acompañar. Aínda así, sempre me atopo persoas que non me coñecían. Nótase moito que é como facer unha carreira: se comezas 80 metros máis atrás tes que correr moitísimo máis para intentar chegar máis ou menos á altura do que empezou máis adiante. O que vexo falando co público é que só coñecen as cousas ás que se lle dan máis bombo. Que é certo que non todo é para todo o mundo, hai proxectos que son máis mainstream e outros para públicos máis pequenos e son igual de válidos. O noso sector musical ten que tomar conciencia da diversidade que hai, temos que abrir o abano.

—Fala deste tema tamén como unha despedida. Que é o que vén?
Aproxímase unha nova etapa. A comezos de ano sairá unha canción co seu propio videoclip na que levo traballando un ano, non porque sexa nada do outro mundo, senón pola precariedade. É un pouco un regreso ás miñas orixes, mais que tamén é outra MJ. Tamén estou preparando algo cun produtor portugués, mais aínda non podo contar nada máis, e algunha outra sorpresa.