Entrevista

Chus Iglesias Prado, ourive: "Moi ao noso pesar, non todo o que se oferta nas tendas de artesanía é realmente artesanía"

A ourive Chus Iglesias Prado. (Foto: Artesanía de Galicia)
A ourive Chus Iglesias Prado, propietaria da marca Acivro Xoias, achega a súa valoración sobre a artesanía actual galega e aspectos como a convivencia entre ese sector, o industrial e o turístico. Reflexiona, asemade, sobre tradición e vangarda, e indica os produtos que elaboran algúns artesáns galegos.

—Como creadora e coñecedora da artesanía galega, como considera que se atopa de saúde o sector? 
Desde hai uns anos a artesanía galega brilla con luz propia e isto ponse de manifesto nos Premios Nacionais de Artesanía, onde sempre hai presenza galega, así como nas colaboracións con grandes marcas internacionais, con creadores téxtiles como Belategui Regueiro, a cesteira contemporánea Idoia Cuesta ou o artesán do coiro Santiago Besteiro.

O respecto polos produtos elaborados no país é relativamente bo, grazas en parte a que a cidadanía se achega á artesá e se interesa por coñecer de primeira man o proceso creativo: isto axuda a valorar todo o desenvolvemento desde a concepción da idea até lograr o resultado final. Mais falta aínda moita conciencia ao redor do traballo lento e razoado que culmina en pezas orixinais e únicas.

Que a fundación pública Artesanía de Galicia dependa da Consellaría de Industria non é lóxico. Desde a miña visión, aquela debería depender de Cultura, por respecto ao noso traballo e non estar xunto as grandes multinacionais ou empresas de produción en serie. Ademais estariamos incluídos no IVE cultural.

—Que busca a persoa que viaxa cando quere levar un petisco dun país para a casa?
O tema do turismo ten varias arestas que habería que comentar. No caso concreto de Compostela, temos por unha banda o turismo de calidade, aquel que entende a onde viaxa: a unha cidade Patrimonio da Humanidade, berce cultural a nivel europeo. Busca, entón, cultura: literatura, arte, artesanía, música, pintura, espectáculos etc. Mais por outra banda fica o turismo masificado que invade literalmente a cidade e dificulta de xeito enorme o equilibrio de convivencia cidadanía-visitante.

Este é un grave problema todos os veráns en Compostela e que segue a medrar. Habería que preguntarse que modelo de cidade queremos. Eu, como compostelá, téñoo claro: un turismo non masificado e respectuoso coa cidade e a veciñanza.

A fundación pública Artesanía de Galicia debería depender da Consellaría de Cultura e non da de Industria

—Cal pode ser o número de persoas artesás certificadas que hai en toda Galiza?
Na Galiza temos a sorte de contar con artesáns de altísimo nivel e relevancia en todos os eidos da creación artística: palilleiras, escultores, músicos, luthieres, creadores téxtiles, ourives, especialistas en coiro, cesteiros, sombreireiros etc. A cuestión é que parte dos artesáns estamos inscritos no rexistro xeral da Fundación Pública Artesanía de Galicia e outros non, entón o cómputo é menor do real. Na actualidade o número que figura na devandita fundación ascende a 1.600, habendo no noso país moitísimos máis.

—Realmente é todo artesanía o que se vende?
Habería que comentar que, moi ao noso pesar, non todo o produto que se oferta nas tendas de artesanía do país é realmente artesanía. No eido téxtil e no da xoiaría, por exemplo, temos constancia de pezas de orixe asiática que se intercalan, sen ningún pudor, nas vendas. Isto constitúe un problema grave que afecta na auténtica artesanía.

—Considera que existe algunha fronteira estética entre a arte a artesanía? A muller cabaliño do demo de René Lalique ou a cadeira deseñada por Díaz Pardo son arte ou artesanía?
A fronteira estética que separa a arte e a artesanía é, ante todo, subxectiva e dificilmente clasificábel. Na miña opinión a clave reside na capacidade de transmitir emocións, de xerar sentimentos, de non deixar indiferente o espectador da obra e iso conségueo a arte e, polo tanto, a alta artesanía. Eu considero A muller cabaliño do demo de René Lalique arte, do mesmo xeito que tamén o é a cadeira e mesa antropomórficas deseñadas por Isaac Díaz Pardo.

—Poden convivir as artesanías tradicionais e as vangardistas?
Unha posíbel clasificación da artesanía podería estar constituída pola que realiza produtos tradicionais, sen variacións ao longo dos anos, é dicir, que mantén a tradición, e a que crea novos conceptos. É a cara dupla: tradición ou modernidade. Considero o compromiso da artesá por aportar, por innovar, por unha evolución, no caso contrario quedamos ancorados ao pasado. Os grandes artistas da historia caracterízanse por ter unha visión cara ao futuro.

—Compostela foi desde sempre a cidade, por antonomasia, vinculada coa talla do acibeche. Mais segue a selo?
Compostela foi a cidade vencellada coa talla do acibeche desde o medievo, mais na actualidade xa non é a capital desta alfaia e talismán negro. Os grandes tallistas e acibecheiros do século pasado están xubilados ou finaron, e non hai relevo porque non existe a transmisión desa arte. Os grandes como Fernando Mayer ou Ricardo Rivas eran homes que se iniciaron na talla na súa mocidade, nos obradoiros familiares e acadaron unha experiencia de máis de medio século: hoxe é impensábel.

—Que nomes da súa contorna soan no eido da artesanía tradicional e innovadora?
Rodrigo Riveiro xa é un referente na ourivaría galega pola súa magnífica achega coa recuperación de porcelana e louza para crear en xoias. Todo un innovador! Do mesmo xeito tamén o é María Feijoo (Fjoo) pintando seda, Lora de Boro coas súas creacións de inspiración xaponesa, Julia Vilariño na sombreiraría ou Zeltiaaoaire que leva o bordado ao aire e deseños de vangarda.

Na Galiza temos a sorte de contar con artesáns de altísimo nivel e relevancia en todos os eidos da creación artística

—Quen son Ricardo Rivas e mais Julio Lado?
Pensar en Ricardo Rivas e Julio Lado é pensar en mestres, amigos, Premios Artesanía de Galicia á traxectoria. É pensa na excelencia da ourivaría compostelá, en referentes, en historia viva dunha tradición milenaria asociada á nosa cidade e, por extensión, referentes para Galiza e Europa. 

—Cal é o filón no que traballa? En que se inspira? Galiza, como raiceira e como cumio ou hai outros horizontes?
A miña inspiración á hora de traballar radica sobre todo na nosa cultura, fauna, nosa vexetación, como raiceira e como columna vertebral da miña obra; aínda que a arte, a literatura, a pintura e a música mundiais tamén me interesan moito. A cultura galega como eixo fundamental, mais non excluínte. 

Conviven entre as miñas pezas tanto unha interpretación do carneiro número 3 de Isaac Díaz Pardo, a serea de Castelao, unha vacaloura, un golfiño, unha folla de carballo ou un colar inspirado nun dos poemas galegos

de Federico García Lorca, como o Guernica nun cullerón, unha Menina de Velázquez, don Quixote ou Tutankamón.

 

—Se digo culler, que lle suxire?
Se penso nunha culler, penso nunha alfaia. As culleres son cubertos fascinantes dos que xorde un universo infinito de posibilidades unha vez traballadas, para resultar como brazaletes de folla de carballo, de clave de sol, do Xabarín deseñado por Miguelanxo Prado, da obra Óxido G-78 de Chillida, das Señoritas de Avignon de Picasso, dunha vacaloura...