Contracultura

Mondra: "'Ardén' é unha terra de que nós creamos, de afectos, onde se desenvolven todas as músicas"

Martín Mondragón, 'Mondra'. (Foto: Zeltia Iglesias)
Mondra (Martín Mondragón) conquista os escenarios galegos cos seus temas, que beben directamente da música tradicional galega e que formarán parte do seu primeiro disco, 'Ardén', dispoñíbel en todas as plataformas a partir do 20 de setembro.

—De onde vén Ardén?
Levamos xa perto dun ano traballando na sonoridade deste proxecto. AGHRÚuU foi o meu primeiro sinxelo, que tamén foi o meu traballo de fin de grao en Comunicación Audiovisual. Aí decidín que este era o camiño que quería seguir: atopar a forma na que íamos dialogar eu mais o meu proxecto coa música tradicional. En setembro do ano pasado comecei a traballar de maneira conxunta con Berto para chegar a este son que presentaremos agora. Foi un ano de inmersión para poder sacar o proxecto adiante. 

A parte conceptual do disco para min é moi importante porque Ardén é unha terra que nós creamos, onde se desenvolven todas as músicas. Ardén é unha terra de afectos, de sensualidade e de diversidade afectivo-sexual habitada polas ardentes. Hai alguén que non quere que sexan libres, polo que o seu único espazo para poder selo é a folía das ardentes, como chamamos ao espectáculo en vivo. Este é o espazo para rir as penas, chorar as alegrías, facer a festa... Todo un imaxinario no que nacen as nosas músicas. Ardén, polo tanto, ten este punto máis amargo da falta de liberdade, unha escuridade presente no álbum e que contrasta coa celebración que tamén ten. 

—O disco seguirá a liña dos temas que xa ten presentados?
AGHRÚuU é o único dos temas que xa coñece a xente que non vai estar no álbum porque decidimos que a sonoridade non acababa de encaixar por diversas cuestións. Penso que a nosa proposta, musicalmente falando, é moi ecléctica. Non temos un prexuízo con respecto ao estilo musical, aínda que hai certas marcas, sobre todo na electrónica, que son moi recorrentes en todo o álbum.

Aínda así, conviven moitos estilos musicais e eu penso que a xente tamén o vai recibir desta maneira: cada tema é moi único, mais ao mesmo tempo mantén certos elementos identificativos do noso traballo. Este é un álbum con moitas harmonías de voces e recursos da electrónica como unha forma de abrazar o traballo de Berto e que funcionan como unha especie de marca persoal. 

Tamén está o meu modo de ver o proxecto, que é coherente con todos os temas. Esa intención de contar unha vivencia miña ou unha cuestión do mundo contemporáneo traendo cantigas e diferentes elementos da nosa tradición oral. Ese é o nexo común máis grande: intentar facer unha narrativa contemporánea co que implica estar no mundo en 2023 traendo elementos que nos identifican como galegas e que xa non forman parte deste mundo contemporáneo. 

—Despois de todo un verán percorrendo a Galiza, como percibe isto no público?
Estou moi agradecido porque sinto unha acollida moi diversa. Quizais desde o prexuízo alguén podería dicir que a nosa música non está feita para todos os públicos, mais nos concertos vemos crianzas nas primeiras filas que saben todos os temas, xente nova da nosa idade e tamén persoas que están nos seus 40, 50 ou 60 que veñen gozar. Ti non fas música procurando chegar a todo o mundo, nin moitísimo menos, mais é moi lindo ver que o público é tan diverso e que quizais sexa ese elemento da música tradicional o que é quen de chegar a todas esas dimensións.

Quizais, se fose só música electrónica ou se non o fixésemos en galego, non teríamos esta situación específica que se dá nos nosos concertos. Eu medrei en agrupacións culturais, na música tradicional e é moi lindo ver que pode ser mainstream, que pode estar no festival das Revenidas, porque iso implica que a saúde da nosa música e da nosa cultura pode mellorar. 

A tradición é algo vivo. Non podemos pensar nela como algo fechado que quedou aí cando se deixaron de facer as foliadas espontáneas nas aldeas. A tradición está en nós e é o pobo quen decide que ocorre coas nosas músicas de aquí en diante. Estamos nun momento interesante arredor de todo isto, algo está mudando e hai que ver a onde nos leva.