CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Municipal Waste: Slime and punishment

Non nos tiñan os Municipal Waste afeitos a unha espera tan longa entre traballos. Nada menos que 5 anos dende que editaran aquel  plástico bastante frouxo nomeado The Fatal Feast  até este Slime and Punishment. Moi atinado fora o título do seu traballo anterior, xa que o disco foi unha auténtica fatalidade para unha banda que non deixara de medrar meteoricamente dende o seu debut en 2001.

É cousa rara no panorama musical que unha banda prolífica dea un parón tras un mal disco. Moitos pensaron que era o fin da banda, xa que non era algo habitual neles e, ademais, Land Phil e Tony Foresta estaban moi activos co seu proxecto Iron Reagan, co que non deixaron de xirar e gravar dende 2012 e cuxo último álbum até a data, Crossover Ministry, foi editado en febreiro deste ano. Se a iso xuntamos os poucos directos da banda malia ter a sorte de os ver o ano pasado no Resu, as cousas non pintaban ben. Mais os temores era infundados e o 23 de xuño viu a luz Slime and Punishment, o moi agardado traballo de Municipal Waste

 

Nesta nova entrega, deixan atrás experimentos e innovacións e volven facer o que saben, un crossover neoiorquino seguindo o camiño que marcaran Suicidal Tendences, pero con máis peso do trash que do hardcore nas composicións acelerado e potente, capaz de executar 14 temas en pouco máis de 28 minutos. O que si que é novidade neste traballo é a incorporación dun segundo guitarrista, Nick Poulos, que achega momentos de frescura harmónica, aínda que non tantos como se podería agardar.

 

Outro punto a favor que ten Slime and Punishment¸ é o seu excelente son. A impoluta produción sen perder un ápice de forza demostra, máis unha vez, que potencia e calidade non son incompatíbeis, o que xa se aprecia dende Breathe Grease, o tema de apertura que vai directo ao fígado.  Destacan gratamente os riffs e solos  de Under The Waste Command, un tema puramente instrumental que rompe un pouco a tónica de continuidade do LP, ben como a intensidade de Excesive Celebration ou o single Amateur Sketch, que mostra a banda no seu estilo máis puro.

 

Municipal Waste están de volta cun novo disco cheo de crossover trash da vella escola, que se nota que está feito para o gusto dos seus fans. Non hai nada novo nin innovador, nin tampouco se lles pide, só bos temas e bo son para este regreso duns dos imprescindíbeis. Agora xa podemos seguir coa festa.

 

 

MUNICIPAL WASTE NAS REDES

WEB: https://www.municipalwaste.net

FACEBOOK: https://www.facebook.com/Municipalwaste/

TWITTER: @municipalwaste

 

LISTAXE DE TEMAS

1. Breathe Grease 

2. Enjoy The Night 

3. Dingy Situations 

4. Shrednecks 

5. Poison The Preacher 

6. Bourbon Discipline 

7. Parole Violators 

8. Slime And Punishment 

9. Amateur Sketch 

10. Excessive Celebration 

11. Low Tolerance 

12. Under the Waste Command 

13. Death Proof 

 

14. Think Fast