É cousa rara no panorama musical que unha banda prolífica dea un parón tras un mal disco. Moitos pensaron que era o fin da banda, xa que non era algo habitual neles e, ademais, Land Phil e Tony Foresta estaban moi activos co seu proxecto Iron Reagan, co que non deixaron de xirar e gravar dende 2012 e cuxo último álbum até a data, Crossover Ministry, foi editado en febreiro deste ano. Se a iso xuntamos os poucos directos da banda malia ter a sorte de os ver o ano pasado no Resu, as cousas non pintaban ben. Mais os temores era infundados e o 23 de xuño viu a luz Slime and Punishment, o moi agardado traballo de Municipal Waste
Nesta nova entrega, deixan atrás experimentos e innovacións e volven facer o que saben, un crossover neoiorquino seguindo o camiño que marcaran Suicidal Tendences, pero con máis peso do trash que do hardcore nas composicións acelerado e potente, capaz de executar 14 temas en pouco máis de 28 minutos. O que si que é novidade neste traballo é a incorporación dun segundo guitarrista, Nick Poulos, que achega momentos de frescura harmónica, aínda que non tantos como se podería agardar.
Outro punto a favor que ten Slime and Punishment¸ é o seu excelente son. A impoluta produción sen perder un ápice de forza demostra, máis unha vez, que potencia e calidade non son incompatíbeis, o que xa se aprecia dende Breathe Grease, o tema de apertura que vai directo ao fígado. Destacan gratamente os riffs e solos de Under The Waste Command, un tema puramente instrumental que rompe un pouco a tónica de continuidade do LP, ben como a intensidade de Excesive Celebration ou o single Amateur Sketch, que mostra a banda no seu estilo máis puro.
Municipal Waste están de volta cun novo disco cheo de crossover trash da vella escola, que se nota que está feito para o gusto dos seus fans. Non hai nada novo nin innovador, nin tampouco se lles pide, só bos temas e bo son para este regreso duns dos imprescindíbeis. Agora xa podemos seguir coa festa.
MUNICIPAL WASTE NAS REDES
WEB: https://www.municipalwaste.net
FACEBOOK: https://www.facebook.com/Municipalwaste/
TWITTER: @municipalwaste
LISTAXE DE TEMAS
1. Breathe Grease
2. Enjoy The Night
3. Dingy Situations
4. Shrednecks
5. Poison The Preacher
6. Bourbon Discipline
7. Parole Violators
8. Slime And Punishment
9. Amateur Sketch
10. Excessive Celebration
11. Low Tolerance
12. Under the Waste Command
13. Death Proof
14. Think Fast